Novas

09-12-2025 -

O espectáculo de contos e ilustración de Caxoto e Marc Taeger chega a Fene este xoves

Un contador de contos coa cabeza a paxaros e un ilustrador chiflado… que pode saír mal? Así se presenta o espectáculo “Contos debuxados, debuxos contados” que organiza a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, para este xoves, 11 de decembro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. Os protagonistas son o contador de contos Caxoto e o debuxante Marc Taeger “dous artistas desbordando creatividade… e moitas gañas de xogar!”. A función vai dirixida a público familiar maior de 4 anos e a entrada será libre e de balde. Espectáculo programado dentro do ciclo do Nadal en Fene.
05-12-2025 -

A curtametraxe Ratiña sobre o acoso escolar proxectarase o vindeiro mércores na Casa da Cultura

“Ratiña” é unha curtametraxe social e intimista, cunha duración de 11 minutos, que aborda temas como o acoso escolar, a xestión emocional e a relación entre nenos/as e pais/nais. A peza, que se poderá ver na Casa da Cultura o vindeiro mércores 10 de decembro, ás 20 horas, combina un enfoque minimalista e poético cunha narrativa realista, dirixida preferiblemente para o público adulto. Trala proxección do mesmo, haberá un coloquio no que poderán participar as persoas asistentes. Entrada libre e de balde.
04-12-2025 -

A nova adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar inicia os traballos esta semana no Concello de Fene

 O Concello de Fene vén de adxudicar o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Osventos Innovación en Servizos, por un período dun ano prorrogable por outro máis por un importe de 1.449.203,60 €. O contrato garante a prestación integral do servizo conforme ao prego de prescricións técnicas, baixo a dirección e control público da Área de Benestar Social e do departamento municipal de Servizos Sociais.

O SAF prestarase de luns a domingo, incluídos os días festivos, entre as 7.00 e as 22.00 horas, establecéndose dous tipos de servizo: o servizo común, de luns a sábado, e o servizo extraordinario para domingos e festivos. Trátase dun recurso esencial dirixido a garantir que as persoas maiores ou en situación de dependencia poidan permanecer nos seus fogares con seguridade, dignidade e autonomía.
03-12-2025 -

A Deputación Provincial de A Coruña subvencionou ao Concello de Fene no ano 2025, a través do POS+ADICIONAL para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

A Deputación Provincial de A Coruña subvencionou ao Concello de Fene no ano 2025, a través do POS+ADICIONAL 1/2025 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.
Achega provincial POS+ADICIONAL 1/2025 para gastos sociais extraordinarios
71.493,71€
03-12-2025 -

A Deputación Provincial de A Coruña subvencionou ao Concello de Fene no ano 2025 para o financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios

02-12-2025 -

Un Nadal deportivo en Fene

Un ano máis, a Concellería de Deportes organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores, xogos acuáticos en familia e unha nova edición da carreira San Silvestre.
02-12-2025 -

Fene convoca o II Concurso de Decoración de Nadal para implicar á veciñanza e dinamizar o comercio local

O Concello de Fene vén de publicar as bases do II Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa coa que busca fomentar a participación da veciñanza, embelecer as rúas durante as festas e contribuír á dinamización do comercio local.

O certame, impulsado pola área de promoción económica, regresa tras o éxito da primeira edición, na que se rexistraron proposta moi creativas, sostíbeis e cheas de espírito nadalicio.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta iniciativa foi moi ben acollida o ano pasado, demostrando a ilusión e a implicación da veciñanza nas actividades municipais”. Pola súa banda, a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, subliñou que “o concurso contribúe a dinamizar o concello durante o Nadal, atraendo visitantes e fomentando que a xente se achegue ao comercio local”.
01-12-2025 -

Contos, teatro, música e danza no Nadal de Fene

Co comezo do mes de decembro, o Concello de Fene desvela as principais citas culturais para as vindeiras festas do Nadal Cinco espectáculos para público infantil ou familiar, o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música ou o Festival de Panxoliñas, son algúns dos atractivos dun programa ao que porá o colofón, como é tradicional, a Cabalgata e a recepción real das SSMM Os Reis Magos de Oriente. As nenas/os (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse do 17 de decembro, a partir das 8.30 horas, ao 29 de decembro, até as 23.59 horas, no Rexistro Xeral do Concello (folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal). O aforo é moi limitado e a inscrición realizarase por orde de solicitude. Por outro lado, desde a Concellería de Cultura tamén avanzan que, do 22 de decembro de 2025 ao 5 de xaneiro de 2026 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
26-11-2025 -

Isabel Risco pecha este venres o Novembro, mes do humor 2025 co espectáculo Nabiza Girl II, a incrible historia da cultura minguante

“Pensabades que morrera, pero estaba de parranda!” Aturuxando desde o cumio do monte Pindo, volve a máis importante superheroína galega, Nabiza Girl, acompañada nesta aventura polo seu fiel escudeiro, Don Galizo, para loitar contra as inxustizas e os problemas que asolagan a nosa terra. Este venres, 28 de novembro, Nabiza Girl, personaxe interpretado pola actriz e humorista Isabel Risco, visita Fene para pechar o ciclo de monólogos Novembro, mes do humor. A cita será novamente ás 20.00 horas e a entrada de balde, aínda que con invitación que se poderá recoller (máximo dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
25-11-2025 -

Mil flores de gancho para conmemorar o 25 de novembro no Concello de Fene

O Concello de Fene celebrou esta mañá o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que se inaugurou unha emotiva instalación artística composta por mil flores lilas de gancho, elaboradas durante semanas por veciñas do municipio. A obra, situada na Casa do Concello, converteuse nun símbolo colectivo de apoio, resistencia e memoria para todas as mulleres que sofren ou sufriron violencia machista.