O alumnado do Centro Ocupacional e dos ciclos formativos do IES colaboraron na creación dun banco elaborado a partir de plástico reciclado
ASPANEPS, IES de Fene e Concello de Fene presentan o Banco da Diversidade, un proxecto que une inclusión, educación e economía circular
A iniciativa terá continuidade o próximo curso coa colaboración do Concello de Fene para promover a educación ambiental nos centros escolares
30-06-2026
O Centro Ocupacional de ASPANEPS, o IES de Fene e o Concello de Fene veñen de presentar o Banco da Diversidade, un proxecto colaborativo que combina inclusión social, formación profesional e sustentabilidade ambiental a través da reutilización de residuos plásticos.
A iniciativa permitiu a elaboración dun banco urbano a partir de tapóns de plástico reciclados, grazas ao traballo conxunto desenvolvido polo alumnado e profesorado das diferentes entidades que colaboran no proxecto. Deste xeito, o Obradoiro de Precious Plastic de ASPANEPS encargouse da recollida, clasificación e trituración dos tapóns, así como do proceso de extrusión do material reciclado, obtendo finalmente os elementos que conforman o asento e o respaldo do banco.
Pola súa banda, o alumnado dos ciclos formativos do IES de Fene participou na fabricación da estrutura metálica e nos traballos de acabado e pintado, concretamente a través do Ciclo Medio de Soldadura e Calderaría e do Ciclo Medio de Electromecánica de Vehículos Automóbiles.
O resultado é un elemento urbano funcional, elaborado integramente a partir da colaboración entre entidades educativas e sociais do municipio e convertido, ao mesmo tempo, nun exemplo práctico de economía circular e inclusión social.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “o Banco da Diversidade representa á perfección os valores que queremos impulsar como administración: a inclusión, a colaboración entre entidades, a formación práctica e o respecto polo medio ambiente”. A rexedora subliñou que “é especialmente valioso comprobar como un residuo pode transformarse nun recurso útil grazas ao traballo conxunto de persoas con capacidades e experiencias diversas”.
Permuy sinalou ademais que “este proxecto demostra que a sustentabilidade non é só unha cuestión ambiental, senón tamén social e educativa, e que o traballo en rede permite obter resultados extraordinarios”.
Bancos no resto de centros educativo e outros espazos municipais
A iniciativa terá continuidade durante o vindeiro curso escolar coa colaboración do Concello de Fene, a través dun programa de fomento da educación socioambiental sobre o uso e reciclaxe dos plásticos nos centros educativos do municipio.
O obxectivo é implicar ao alumnado nun proceso completo de economía circular, desde a recollida e tratamento dos residuos ata a fabricación final dos bancos, que se irán instalando progresivamente nos centros educativos de Fene e que tamén poderán substituír mobiliario existente noutros espazos municipais.
Desde o Concello destacan que esta experiencia constitúe un exemplo de boas prácticas en materia de inclusión, sustentabilidade e innovación social, convertendo un proxecto local nunha ferramenta educativa e ambiental con capacidade para estenderse a outros territorios.
