Novas

13-11-2026 -

O Concello de Fene incorpora un auxiliar administrativo a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

Neste venres, 13 de novembro, incorpórase ao Concello de Fene un auxiliar administrativo con contrato a xornada completa durante nove meses, ao abeiro dunha subvención concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada á contratación de persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Esta actuación enmárcase no ámbito da colaboración con entidades locais de Galicia e ten como finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que non estudan nin traballan, facilitándolles a realización dun traballo efectivo que lles permita adquirir práctica profesional real, clave para unha integración sustentable no mercado laboral.
12-11-2026 -

A monologuista Marita Martínez actúa este venres en Fene na segunda función do Novembro, mes do humor

Todo ten o seu aquel, por iso Marita Martínez conta no seu monólogo "Contadiña" como cambiaron as cousas desde os tempos da súa avoa. Das súas anécdotas e doutras recollidas da familia propia e allea vai o espectáculo que presenta a huorista este venres no Museo do Humor Xaquín Marín, na segunda función do ciclo Novembro, mes do humor.
A actuación comezará ás 20.00 horas con entrada de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo venres a partir das 19 horas. Aforo limitado.
10-11-2026 -

Xogar, aprender e protexer

Os concellos de Fene e Neda impulsan conxuntamente un proxecto de prevención de condutas aditivas dirixido ao ámbito familiar e comunitario. No marco desta iniciativa, subvencionada pola Consellería de Sanidade, encádrase o programa familiar “Máis que un teito”, deseñado para ofrecer ás familias información obxectiva e veraz que promova a adopción de decisións autónomas e responsables, favoreza estilos de vida saudables e evite o desenvolvemento ou consolidación de condutas de risco, incorporando de xeito transversal a perspectiva de igualdade de xénero.
Esta sesión dirixida ás familias serve de complemento aos obradoiros preventivos que se están a impartir nas aulas ao alumnado da zona.
A primeira xornada celebrarase o luns 16 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene. A formación correrá a cargo de Lucía Fraguela Martínez, docente especializada en xogo e xerente de O Muiño do Fabal, quen abordará o relatorio baixo o título "O xogo como actitude de vida".
09-11-2026 -

Fene licita por 130.900 euros máis IVE o revestimento e as lápidas para 34 frontes de nichos no cemiterio municipal

O Concello de Fene vén de sacar a licitación por 130.900 euros máis IVE a subministración, gravación e colocación dos revestimentos e lápidas correspondentes a 34 frontes de nichos estruturados en columnas no cemiterio municipal. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de novembro.
A actuación está vinculada ao traslado de concesións desde unha zona de nichos antigos á nova fase executada polo Concello. O importante estado de deterioro que presentaban os nichos orixinais fixo necesario realizar este traslado e, debido ás condicións nas que se atopaban as lápidas e outros elementos, non resultaba posible a súa reutilización.
09-11-2026 -

A problemática das vespas asiáticas, as medidas para o seu control e primeiros auxilios no caso de picadura, temas da primeira sesión de Contando Ciencia

A sexta edición de Contando Ciencia comeza en Fene este xoves, 12 de novembro, co relatorio “Control da velutina e outras vespas asiáticas”, a cargo do responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Rafael Díaz Nieto. No devir desta charla -prevista para as 19.30 horas na Casa da Cultura con entrada libre e de balde- o técnico apícola e falará sobre os danos que conleva a velutina e o resto de avispas asiáticas asentadas en España (Soror en Asturias, Orientalis e Bicolor en Andalucía); do risco que supón para as persoas do rural; da incidencia nas produccións agrarias (apicultura, fruticultura e forestal) e no medio ambiente en xeral; e das medidas básicas para o seu control no rural, así como dos primeros auxilios no caso de ataque ou picadura destes insectos.
Rafael Díaz Nieto é técnico apícola e apicultor dende os 17 años e conta na actualidade con 150 colmeas en Ferrolterra e 80 na montaña Lucense. Amais de responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA) é presidente da Cooperativa APINOR (Apícola del Noroeste, primera cooperativa apícola creada en Galicia no 1986). 
09-11-2026 -

Avanza a contratación das obras de abastecemento, saneamento, drenaxe e pavimentación na Lagarteira, A Calzada, Arriba, O Revolto e Covelo

O procedemento para a contratación das obras de mellora de servizos e pavimentos na Lagarteira, A Calzada, Arriba, O Revolto e Covelo continúa avanzando tras a finalización do prazo de presentación de ofertas. Un total de catro empresas concorreron á licitación dunha actuación que permitirá ampliar as redes de abastecemento e saneamento, mellorar a drenaxe e renovar diferentes viais destes núcleos.
A licitación partía dun orzamento de 469.989,79 euros e, unha vez valoradas as propostas presentadas, a oferta máis vantaxosa foi a formulada por Excavaciones y Canalizaciones Conde, por un importe de 368.611,83 euros máis IVE.
09-11-2026 -

Xaquín Efrén Lago obtén a XXXIX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xaquin Efrén Lago Díaz, nado en Ferrol en 1979, obtivo hoxe a XXXIX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Lago, titulado deriva de entre as 56 obras presentadas a concurso este ano.
07-11-2026 -

Fene celebrou trinta anos dos Premios Curuxa

“O Concurso de Humor Gráfico e Caricatura que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín é máis ca un certame artístico. É un encontro de afectos porque reune a profesionais e afeccionados que comparten unha mesma paixón: contar o mundo a través dun lapis, dunha idea e dun sorriso. E iso é algo profundamente valioso nun tempo no que tantas veces o ruído e a crispación tentan ocupar o espazo que lle pertence á intelixencia e á empatía”.
Con estas verbas, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, referíase este venres ao concurso creado en 1985 polo humorista gráfico e fundador do museo, Xaquín Marín. Desde o Goberno Municipal de Fene, afirmou Permuy, “sentimos moita fachenda ao comprobar que os Premios Curuxa van medrando ano tras ano, e atraendo novas xeracións de artistas”. Ademais, afirmou que “o humor une e fai comunidad, e iso é o que queremos seguir construíndo desde o noso concello: unha cultura viva, aberta e participativa”.
05-11-2026 -

Cunha conferencia do responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura comezará a vindeira semana a sexta edición de Contando Ciencia

Volve Contando Ciencia, un programa que retoma a súa actividade co novo curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. Ciclo organizado pola Concellería de Ensino de Fene coa colaboración do IES de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
Contando Ciencia 2026-27 principiará o xoves 12 de novembro co relatorio “Control da velutina e outras vespas asiáticas”, a cargo do responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Rafael Díaz Nieto.
04-11-2026 -

Quico Cadaval na primeira función do Novembro, mes do humor

Este venres, 6 de novembro, arrinca o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta primeira xornada, na que ademais se entregarán os Premios Curuxa 2026, o protagonista será Quico Cadaval. O espectáculo, titulado “30 anos a contar historias. Notas de rodapé ”, comezará ás 20.00 horas. A entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
“30 anos a contar historias. Notas de rodapé ” é un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.