Novas

20-10-2026 -

Sementes de cambio no Concello de Fene

A especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de Igualdade María Ángelica Mercado Torres impartirá unha charla informativa en Fene sobre agresións sexuais e violencia sexual. Baixo o título Sementes de cambio, a actividade “pretente poñer unha semente de cambio para logo poder facer unha recolleita de respeto, consentimiento, igualdade e prevención” A conferencia, dirixida ao público en xeral, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o vindeiro 29 de outubro, de 19 a 20.30 horas.
A participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais, nos teléfonos 981 342 607 ou 981 492 706; ou no correo servizos.sociais@fene.gal.
19-10-2026 -

O Outono das artes recala esta semana en Fene

Coa proxección do documental “Ao son da nova regueifa” no IES de Fene bota a andar este martes o ciclo Outono das artes no Concello de Fene. Promovido pola Deputación da Coruña, o programa inclúe tres actividades no termo municipal, comezando pola proxección este martes para o alumnado do IES de Fene do documental de Manolo Maseda e Saúl Rivas que “percorre Galicia para explorar a renovación da regueifa con voces novas, música e improvisación”.
A maiores, tamén esta semana no marco do Outono das artes, anúncianse dúas funcións abertas ao público xeral no salón de actos da Casa da Cultura. O xoves 22, ás 18 horas, proxectarase o documental Crónicas da Galiza Mártir e o venres 23 habera un espectáculo infantil, Esperta rinoceronte, a cargo de Nao caracola.
17-10-2026 -

Ao son da nova regueifa no IES de Fene

No marco do programa Outono das artes, o Concello de Fene, coa colaboración da Deputación da Coruña, leva ao IES de Fene o documental Ao son da nova regueifa, documental dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas que “percorre Galicia para explorar a renovación desta arte con voces novas, música e improvisación”. A proxección desta peza audiovisual, dirixida ao alumnado e profesorado do centro, está prevista para o vindeiro martes, 20 de outubro, ás 16.30 horas.
“Todo comeza cunha busca, a da Nova Regueifa. Nese proceso, rematamos decatándonos de que xa estamos camiñando ao son dela”. O documental Ao son da nova regueifa propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a Regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral na Galiza.
16-10-2026 -

O Concello de Fene asina os convenios de subvencións nominativas con entidades culturais, deportivas, educativas e de promoción económica

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e representantes de diferentes entidades culturais, deportivas, educativas e de promoción económica do municipio asinaron onte os convenios correspondentes ás subvencións nominativas do Concello de Fene para o ano 2026.
Os convenios contemplan achegas municipais destinadas a colaborar no financiamento de actividades e programas desenvolvidos ao longo deste ano polo tecido asociativo local. As contías previstas ascenden a 40.500 euros para entidades culturais, 17.500 euros para ANPAS e iniciativas vinculadas ao ensino, 5.000 euros para entidades deportivas e 29.700 euros para entidades de promoción económica.
16-10-2026 -

Éxito de participación na xornada informativa sobre as subvencións da Deputación da Coruña para 2027

A xornada informativa sobre as liñas de subvención da Deputación da Coruña para entidades de cara a 2027, organizada conxuntamente polo Concello de Fene e a institución provincial, contou cunha elevada participación do tecido asociativo municipal.
O encontro reuniu representantes de numerosas entidades de ámbitos moi diversos, entre eles o cultural, deportivo, medioambiental ou da música tradicional, que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as diferentes posibilidades de financiamento provincial e, especialmente, de formular consultas concretas relacionadas coas convocatorias e coa súa tramitación.
15-10-2026 -

A Cámara de Comercio da Coruña impulsa a empregabilidade dos maiores de 45 anos cun novo curso gratuíto

A Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña organiza en Fene unha nova iniciativa formativa dirixida a persoas de entre 45 e 60 anos que se atopen en situación de desemprego ou inactividade laboral. Esta acción enmárcase no Programa Talento 45+, unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo destinada a favorecer a reinserción laboral e a actualización de competencias profesionais deste colectivo.
13-10-2026 -

Isabel Risco e Fran Rei son “Dous no camiño” no espectáculo que o Concello de Fene leva este sábado a Sillobre

A SCRD Agarimo acollerá o vindeiro sábado, 17 de outubro, ás oito do serán, a función teatral Dous no camiño (A lenda Xacobea), dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte.
Trátase dunha revisión e actualización a través do humor e o descaro das lendas xacobeas máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés, a da barca de pedra de Muxía e a do traslatio do Apóstolo Santiago de Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas.
09-10-2026 -

Fene acolle a exposición fotográfica “EXPRESS-ARTE: 15 VISIÓNS

O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, presenta a exposición fotográfica itinerante “Express-Arte: 15 visións”. Esta mostra artística convida ao público a realizar unha viaxe crítica e reflexiva por varias das pezas máis recoñecidas da historia da arte, pero revisadas e reinterpretadas baixo un prisma puramente de xénero.
A exposición estará aberta ao público de balde ata o próximo 21 de outubro no Salón de Plenos Municipal. O horario de visita será de 08:00 a 15:00 horas.
05-10-2026 -

A Biblioteca Municipal abre o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo de narración oral Onde viven os monstros

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene, desta vez baseada no conto clásico de Maurice Sendak. A compañía Os Náufragos Teatro trae a Fene este xoves, 8 de outubro, ás 18 horas, a tenra historia de Max, un neno que, logo dun ataque de carraxe, adéntrase nun mundo salvaxe habitado por monstros. A través da narración oral, o xesto, as marionetas, a música e a participación do público, con este espectáculo -dirixido a nenas e nenos de 4 a 8 anos- preténdese acompañar ás crianzas no recoñecemento das súas emocións, especialmente a ira, o medo e o desexo de pertenza.

Para asistir á función deste xoves na biblioteca, cómpre inscribirse previamente por teléfono (981 342 302 ou 607 625 346) ou presencialmente no horario da biblioteca (de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas). Prazas limitadas.
02-10-2026 -

Fene licita por preto de medio millón de euros unha actuación integral para levar novos servizos á Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira

O Concello de Fene vén de sacar a licitación por 469.989,79 euros as obras de mellora de servizos e pavimentos na Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira, unha actuación integral e tecnicamente complexa coa que o goberno municipal pretende resolver diferentes carencias en infraestruturas básicas destes núcleos e acometer, ao mesmo tempo, a renovación dos viais afectados.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 21 de outubro. Unha vez completado o procedemento de contratación e iniciadas as obras, a actuación contará cun prazo de execución de catro meses.
O Concello de Fene vén de sacar a licitación por 469.989,79 euros as obras de mellora de servizos e pavimentos na Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira, unha actuación integral e tecnicamente complexa coa que o goberno municipal pretende resolver diferentes carencias en infraestruturas básicas destes núcleos e acometer, ao mesmo tempo, a renovación dos viais afectados.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 21 de outubro. Unha vez completado o procedemento de contratación e iniciadas as obras, a actuación contará cun prazo de execución de catro meses.
O proxecto parte das necesidades existentes nos diferentes núcleos aos que se accede desde a estrada DP-1503. Na actualidade, A Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira presentan carencias no abastecemento municipal de auga potable, mentres que no Camiño de Arriba existen tamén vivendas que carecen de conexión á rede de saneamento.