Novas

02-05-2025 -

As familias e a relación coas adiccións dos fillos, tema dunha nova sesión do programa Máis que un teito

A supervisión familiar, normas e límites efectivos con respecto ao lecer, información sobre drogas ou a mellora da comunicacións cos adolescentes. Son algunhas das cuestións que se abordarán o vindeiro luns, 5 de maio, ás 18.30 horas, nunha nova sesión do ciclo para familias "Máis que un teito", organizado polas Concellerías de Servizos Sociais dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda. A sesión será impartida por Rebeca Graña Torralba, educadora social. O encontro desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e, para asistir, cómpre inscribirse indicando se se precisa servizo de conciliación para atender ás crianzas. Prazas limitadas (30)
02-05-2025 -

Juventino Trigo anuncia a súa renuncia como alcalde de Fene, e Sandra Permuy asumirá a alcaldía accidental

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, anunciou esta mañá que deixa a Alcaldía e renuncia á acta de concelleiro, pechando unha etapa de traballo intenso e compromiso coa veciñanza. A decisión, tomada “por motivos persoais e de oportunidade política”, e tras unha profunda reflexión, foi comunicada nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos membros do goberno municipal.
Durante a súa intervención, Trigo expresou o seu agradecemento á veciñanza de Fene, ao seu equipo de goberno, ás traballadoras e traballadores municipais, ás compañeiras e compañeiros de corporación, así como a todas as persoas que depositaron a súa confianza no proxecto nacionalista ao longo dos anos. "Fene funciona grazas ao esforzo colectivo. Deixo a alcaldía con orgullo, sabedor de que compartimos camiño, valores e ilusións", manifestou emocionado. 
30-04-2025 -

Fene entregou os premios do XV Concurso de Tapas nun acto que puxo en valor a creatividade e compromiso da hostalería local

O salón de plenos do Concello de Fene acolleu o acto de entrega de premios do XV Concurso de Tapas, un certame que este ano acadou unha excelente acollida entre o público e que consolidou o seu papel como referente na dinamización da hostalaría local. No acto participaron o alcalde, Juventino Trigo; a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira; e as concelleiras Sandra Permuy, Adán Chao, María Carmen Martínez e Alejandro Gutiérrez. Tamén estiveron presentes representantes dalgúns dos establecementos participantes e das entidades patrocinadoras, como Establecimientos Aguilar e Eroski Center.
25-04-2025 -

O Concello de Fene licitou un servizo de limpeza viaria por 88.200 euros para actuar nas oito parroquias

O Concello de Fene vén de licitar por 88.200 euros o servizo de limpeza e roza das marxes das vías e camiños municipais nas oito parroquias do municipio. O contrato, que ten unha duración dun ano porrogábel por outro, está xa en execución tras iniciar os primeiros traballos en Sillobre, e proseguirá nas demais parroquias ao longo das vindeiras semanas.
23-04-2025 -

Coidarme para poder educar, tema dunha nova sesión do programa Máis que un teito

Os coidados, dar e recibir, a xestión do estrés, o autocoidado e a autoestima. Son algunhas das cuestións que se abordarán o vindeiro luns, 28 de abril, ás 18.30 horas, nunha nova sesión do ciclo para familias "Máis que un teito", organizado polas Concellerías de Servizos Sociais dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda. A sesión será impartida por Naira González Fontenla, educadora social e psicopedagoga. O encontro desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e, para asistir, cómpre inscribirse até o venres 25 de abril, indicando se precisa servizo de conciliación para atender ás crianzas. Prazas limitadas (30)
22-04-2025 -

O Mago Rafa achegará este xoves a maxia dos libros ás crianzas de Fene

Abracalibro é o nome do espectáculo co que a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Paralle festexará o xoves, 24 de abril, o Día do Libro. A función, organizada no marco do programa Ler conta moito, comezará ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura e, para asistir, cómpre inscribirse esta tarde ou mañá na propia biblioteca ou por teléfono (981 342 302), de 16 a 21 horas.
21-04-2025 -

O Pleno do Concello de Fene aproba uns Orzamentos de máis de 16 millóns de euros para 2025

O Pleno do Concello de Fene aprobou esta mañá en sesión extraordinaria o proxecto de Orzamentos municipais para o exercicio 2025 presentado polo goberno local, cun importe total de 16.152.157,82 euros. As contas contaron cos votos favorábeis dos grupos de goberno (BNG, con 7 concelleiras, e Esquerda Unida, con 1), a abstención do PSOE (3 concelleiras) e o voto en contra do Partido Popular (6 concelleiras).
A concelleira de Facenda, Ángeles Coira, amosouse satisfeita pola aprobación polo pleno duns Orzamentos “elaborados con rigor, realistas, que dan continuidade ao traballo que vimos facendo desde hai anos e que responden ás necesidades reais da veciñanza de Fene”. Descatou ademais a aposta do goberno local “pola mellora das infraestruturas, o reforzo dos servizos públicos e o apoio ao tecido asociativo e económico local”.
Pola súa parte, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, puxo en valor “a capacidade do goberno local para xestionar con responsabilidade, mantendo o equilibrio orzamentario e impulsando investimentos sen comprometer a saúde financeira do Concello”. Subliñou tamén que “estas contas consolidan un proxecto de municipio sostíbel, solidario e cunha clara aposta polo benestar da veciñanza”.
14-04-2025 -

Cambio de horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada Semana Santa, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o sábado 12 de abril e até o vindeiro 21 de abril, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.

A partir do martes 22 de abril o horario será o habitual de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
11-04-2025 -

Fene avanza o proceso de renovación do alumeado e da rede semafórica no que investirá 700.000 €

O Concello de Fene vén de pechar o prazo de presentación de ofertas para a execución do proxecto de renovación do alumeado público e da rede semafórica municipal. Trátase dun investimento de 702.347,08 euros que se executará en dous lotes: un para a modernización da rede semafórica e outro para a mellora da eficiencia enerxética en 732 puntos de luz repartidos por todo o municipio. Ao peche do prazo, presentáronse 23 empresas ao lote de alumeado e 6 ao correspondente ás instalacións semafóricas.
10-04-2025 -

Cincocentos judocas de toda Galicia participarán esta fin de semana en Fene na quinta xornada da Liga Galicia Rías Altas

O pavillón da Xunqueira (San Valentín) acollerá este sábado a quinta e última xornada da Liga Galicia Rías Altas de judo, coa participación duns cincocentos judocas de categorías desde benxamín a absoluta.
A competición comezará pola categoría senior, a única que se fai por equipos, disputándose o playoff polo título e o playoff do sexto ao décimo primeiro posto. Nas demais categorías a competición será individual, por pesos e xénero. Para a categoría cadete, a competición comezará ás 11.45 horas, seguida da infantil ás 13.45 horas, a alevín ás 15.45 horas e a benxamín, que será a última en competir, a partir das 17.30 horas.