O Concello de Fene culminará nos próximos días as obras de dotación de abastecemento de auga nos lugares do Camiño Grande – O Cotillón, A Fraga e O Sino, na parroquia de Limodre, unha actuación que, como xa fora avanzado, permitirá garantir o acceso á rede de auga potábel ao 100% das vivendas da parroquia, dando resposta a unha histórica demanda da veciñanza.
Durante a visita realizada esta mañá, o concelleiro de obras, Manuel Polo, destacou que xa están colocadas as válvulas e as chaves de paso en toda a obra e que, como paso previo a tapar as zonas intervidas, “realizarase unha proba de presión de auga para verificar que non existen fugas e que a subministración funciona correctamente”. Unha vez comprobado que todo está en orde, procederase á reposición das zonas levantadas. Polo tamén sinalou que esta obra “asegura que todas as vivendas de Limodre dispoñan dunha subministración eficiente e segura, mesmo nos meses de maior demanda”.