Fene acollerá dúas funcións do Festival Internacional de Entes Animados que se celebrará nos vindeiros días en distintos concellos da bisbarra

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira asistiu este xoves á presentación da oitava edición

Fene acollerá dúas funcións do Festival Internacional de Entes Animados que se celebrará nos vindeiros días en distintos concellos da bisbarra

Sete compañías procedentes de Reino Unido, Dinamarca, Portugal, Brasil, Arxentina e Galicia achegaranse até os concellos de Fene, Ares, Ferrol, Miño, Narón, Neda e Valdoviño, xunto coas asociacións Canido AC (Ferrol) e AC Apelón Educación (Mugardos) para presentar os seus espectáculos, no marco do VIII Festival Internacional Entes Animados que se celebrará do 12 ao 27 de setembro. O director artístico e membro da Asociación Cultural Titerario, Plamen Dipchikov e unha representación dos Concellos e entidades participantes, entre os que se atopaba a concelleira fenesa Ángeles Coira, presentaron o certame este xoves na Casa da Cultura de Neda.

As representacións desenvolveranse en centros cívicos sociais da zona rural e colexios entre o venres 12 e o 28 de setembro. Trátase de obras de pequeno e mediano formato a cargo de compañías tanto nacionais como internacionais, premiadas por especialistas e recoñecidas polo público.

No que atinxe ao Concello de Fene, o Festival Internacional de Entes Animados 2026 centrarase nas xornadas do venres 18 e 25 de setembro. A primeira función, o venres 18, será ás 20.00 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Histeroscopio Teatro (Portugal) co espectáculo “A galiña dos pitinhos de ouro”.

Nesta peza, “hai moito tempo había unha galiña. Pero non era unha galiña común. Dos seus ovos nacían tesouros e por onde pasaba, brotaba ouro do chan. Dicíase que quen tivera a sorte de vela atoparía unha riqueza tan inmensa que xamais coñecería a pobreza. A Galiña dos Pitiños de Ouro é unha viaxe ás raices míticas do noso territorio, na que a ambición dos homes mestúrase coa maxia dos seres encantados”.

O venres 25 de setembro, o Festival Internacional de Entes Animados trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre (20.00 horas), coa función de teatro de sombras con música de “O burro errante” da compañía Habid e Valeria de Brasil.

O Burro Errante é unha adaptación teatral do conto homónimo do escritor Habib Zahra, concebida e producida pola artista visual Valeria Rey, responsable tamén das ilustracións da obra orixinal. O espectáculo nace dun proxecto familiar, reunindo Valeria aos seus fillos, Miguel Ibrahim e Dunya Clementina. Tamén contou coa colaboración de Jorge Rey, fundador da compañía española Títeres Cachirulo e responsable da dirección de montaxe, e de Rafael Rey, director da compañía española Nauta Teatro, pai e irmán de Valeria Rey, respectivamente.

O espectáculo narra a xornada dun pequeño burro criado por pais superprotectores que finxían ser cabalos e evitaban calquera contacto con animais doutras especies. Medrando nun ambiente marcado polo medo, o burriño pensa que o mundo se reduce a esa pequena realidade que coñece”.

En palabras do director artístico, o Festival de Entes Animados busca achegar as artes escénicas a diferentes públicos e consolidar o festival como unha das propostas culturais de referencia na comarca durante o mes de septembro.