Novas
-
Fene ultima os preparativos para unha nova edición do Fene Rock
O barrio de San Valentín prepárase para vivir desde esta noite unha nova edición do Fene Rock, unha das citas musicais máis consolidadas do municipio. A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, achegáronse nas últimas horas ao recinto para avaliar xunto coa organización o desenvolvemento da montaxe e ultimar a coordinación dos medios municipais necesarios para a celebración do festival.
O Concello de Fene mantén un ano máis unha estreita colaboración coa organización, tanto a través dunha subvención nominativa de 11.000 euros como do apoio loxístico necesario para facer posible un evento destas características. A implicación municipal inclúe a colaboración do persoal da área de servizos, medios materiais e tarefas de limpeza e acondicionamento do recinto antes, durante e despois da celebración.
-
A compañía portuguesa Histeroscopio Teatro actúa este venres en Sillobre no marco do VIII Festival Internacional de Entes Animados
O certame, organizado pola Asociación Cultural Titerario coa colaboración dos concellos de Fene, Ares, Ferrol, Miño, Narón, Neda e Valdoviño, xunto coas asociacións Canido AC (Ferrol) e AC Apelón Educación (Mugardos) programa dúas funcións no Concello de Fene. A primeira será este venres,18 de setembro, ás 20.00 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Histeroscopio Teatro (Portugal) co espectáculo “A galiña dos pitinhos de ouro”. Logo desta cita, o venres 25 de setembro, o Festival Internacional de Entes Animados trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre (20.00 horas), coa función de teatro de sombras con música de “O burro errante” da compañía Habid e Valeria de Brasil.
-
Fene acollerá unha das xornadas Cultura para todas, acceso e inclusión nas actividades culturais, da Deputación da Coruña
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos encontros sobre accesibilidade cultural que a Área de Cultura da Deputación da Coruña organiza neste mes de setembro en catro concellos da provincia: Fene, Muros, Ordes e Arzúa. A cita en Fene será o martes 29 de setembro, de 16.00 a 20.00 horas, na Casa da Cultura e, baixo un enfoque práctico e útil, terá como obxectivo coñecer medidas concretas, reais e posibles de accesibilidade na nosa acción cultural. Para anotarse, cómpre enviar un correo electrónico ao Departamento de Cultura do Concello de Fene, indicando o nome e apelidos, correo electrónico, código postal e área profesional; ou cubrir o seguinte formulario de INSCRICIÓN.
Baixo o título Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais, a xornada incluirá mesas específicas con intervencións impartidas por profesionais con ampla experiencia na materia como: Rubén Capelán, Fran Carreira e Aitana García.



