Noticias

15-09-2026

A alcaldesa de Fene inaugurou este luns na Casa da Cultura o curso de formación en competencias dixitais para maiores de 55 anos

Catorce persoas participan desde este luns en Fene nun curso básico de formación en competencias dixitais co obxectivo de impulsar a súa autonomía no manexo de ordenadores, móbiles e redes sociais. A alcaldesa do Concello de Fene, Alejandra Permuy, foi a encargada de dar a benvida aos participantes, inaugurando esta formación que é froito da colaboración entre o Concello de Fene e a fundación Cibervoluntarios.

Trátase dun curso básico no que as persoas participantes aprenderán a navegar de forma segura por Internet, realizar xestións coa Administración electrónica e a banca dixital. Ademais, iniciaranse no emprego de redes sociais e ferramentas dixitais de maneira creativa e segura; comunicaranse por videochamada e descubrirán plataformas e apps para a aprendizaxe, o lecer e a saúde.

14-09-2026

O Museo do Humor Xaquín Marín rende homenaxe aos Caricaturistas de Profesión cun faladoiro e unha mostra que abre ao público este venres

A exposición Caricaturistas de Profesión, producida polo Museo do Humor Xaquín Marín-Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Xunta de Galicia, amosará en Fene a obra de dez reputados caricaturistas de prensa contemporáneos como son: Agustín Sciammarella, Carlos Rodríguez Casado, David García Vivancos, Ernesto Priego, Iván Mata, María Picassó, Matías Tolsá, Raúl, Thorsten Rienth e Turcios. Comisariada polo gañador do Premio Curuxa Caricatura 2024, Iván Mata, a mostra compila cincuenta obras, a razón de cinco por participante, baixo a premisa de seren “as que considera cada artista que mellor definen a súa arte ou son significativas na súa traxectoria artística”.


A exposición de caricaturas inaugúrase este venres 18 de setembro, ás 19.00 horas, cun faladoiro no que tomarán parte catro dos participantes, entre os que se atopa o propio Iván Mata, Ernesto Priego, e os gañadores do Premios Curuxa Caricatura 2025 e 2026, David García Vivancos e Matías Tolsà.

Fene acollerá dúas funcións do Festival Internacional de Entes Animados que se celebrará nos vindeiros días en distintos concellos da bisbarra

Sete compañías procedentes de Reino Unido, Dinamarca, Portugal, Brasil, Arxentina e Galicia achegaranse até os concellos de Fene, Ares, Ferrol, Miño, Narón, Neda e Valdoviño, xunto coas asociacións Canido AC (Ferrol) e AC Apelón Educación (Mugardos) para presentar os seus espectáculos, no marco do VIII Festival Internacional Entes Animados que se celebrará do 12 ao 27 de setembro. O director artístico e membro da Asociación Cultural Titerario, Plamen Dipchikov e unha representación dos Concellos e entidades participantes, entre os que se atopaba a concelleira fenesa Ángeles Coira, presentaron o certame este xoves na Casa da Cultura de Neda.

As representacións desenvolveranse en centros cívicos sociais da zona rural e colexios entre o venres 12 e o 28 de setembro. Trátase de obras de pequeno e mediano formato a cargo de compañías tanto nacionais como internacionais, premiadas por especialistas e recoñecidas polo público.


Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene

Coincidindo coa fin das vacacións escolares, a Concellería de Cultura informa dos cambios previstos no horario de apertura e atención ao público da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais).

Así, a partir do vindeiro luns 14 de setembro (inclusive) retomarase o horario habitual de inverno desta instalación municipal: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.


Mulleres da Reconversión chega este venres á Filmoteca de Galicia

O documental Mulleres da Reconversión continúa ampliando o seu percorrido por Galicia e chega este venres 11 de setembro á Filmoteca de Galicia, na Coruña, onde se proxectará ás 18.00 horas con entrada gratuíta. Na sesión participarán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o director do proxecto, Iago Varela, que intervirán tamén nun coloquio posterior coa asistencia.

A proxección supón un novo paso na difusión dun proxecto nacido no Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña co obxectivo de recuperar e poñer en valor a memoria das mulleres que viviron a reconversión naval de ASTANO.


Axenda

Tamén en fene.gal