A compañía portuguesa Histeroscopio Teatro actúa este venres en Sillobre no marco do VIII Festival Internacional de Entes Animados
17-09-2026
O certame, organizado pola Asociación Cultural Titerario coa colaboración dos concellos de Fene, Ares, Ferrol, Miño, Narón, Neda e Valdoviño, xunto coas asociacións Canido AC (Ferrol) e AC Apelón Educación (Mugardos) programa dúas funcións no Concello de Fene. A primeira será este venres,18 de setembro, ás 20.00 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Histeroscopio Teatro (Portugal) co espectáculo “A galiña dos pitinhos de ouro”. Logo desta cita, o venres 25 de setembro, o Festival Internacional de Entes Animados trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre (20.00 horas), coa función de teatro de sombras con música de “O burro errante” da compañía Habid e Valeria de Brasil.
En relación coa primeira función, en A galiña dos pitinhos de ouro, de Histerioscopio Teatro, “hai moito tempo había unha galiña. Pero non era unha galiña común. Dos seus ovos nacían tesouros e por onde pasaba, brotaba ouro do chan. Dicíase que quen tivera a sorte de vela atoparía unha riqueza tan inmensa que xamais coñecería a pobreza. A Galiña dos Pitiños de Ouro é unha viaxe ás raices míticas do noso territorio, na que a ambición dos homes mestúrase coa maxia dos seres encantados”.
