Novas

02-01-2025 -

O Concello de Fene foi beneficiario en 2024 de varias axudas da Deputación da Coruña para o mantemento de persoal técnico das Concellerías de Cultura e Deportes

Ao abeiro das convocatorias da Deputación da Coruña FO206/2024 e FO106/2024, o Concello de Fene recibiu en 2024 senllas subvencións do organismo provincial para o mantemento dos postos de técnica de deportes e  animadora sociocultural municipal. A contía das axudas percibidas ascendeu a 25.000 € (a razón de 15.000€ para o posto de técnica de Deportes, 10.000€ para o de animadora sociocultural)
26-12-2024 -

Xornada de bautismo de mergullo solidario na piscina municipal

A Concellería de Deportes de Fene colabora co Club de Actividades Subacuáticas Nautilus na organización dunha xornada de “Bautismo de mergullo solidario”. Terá lugar o venres 27 de decembro, de 16.45 a 19.00 horas, na piscina municipal de Centieiras e vai dirixida a nenos/as (a partir de 6 anos) ou persoas adultas (sen límite de idade) que saiban nadar. Ademais, será de balde. O único requisito para participar é aportar un xoguete novo ou de segunda man en bo estado, que se entregará na piscina o día da actividade. Os asistentes deberán levar á Piscina, o mesmo día do bautismo, un xoguete novo ou en bo estado, así como o material necesario para realizar a actividade: bañador, chanclas, gorro de baño e camiseta de licra ou similar para estar na auga. Para inscribirse na xornada de Bautismo de Mergullo Solidario, cómpre chamar ao departamento de deportes no 981 340 366 ou no Pavillón A Xunqueira até mañá ás 14.00 h.
23-12-2024 -

A Música das buguinas o venres no CCRD de Perlío

O Local Social do CCRD de Perlío acolle este venres 27 de decembro ás 19.30 horas o espectáculo A Música das buguinas. Un teatro musical de Mamá Cabra e BellónMaceiras dirixido ao público familiar. A entrada é libre ate completar aforo.
20-12-2024 -

Horario da Casa da Cultura de Fene durante o Nadal

Do sábado 21 de decembro ao martes 7 de xaneiro cambia o horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura de Fene. Así, desde mañá, a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e sala de exposicións temporais da Casa da Cultura abrirán unicamente en horario matutino, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, durante as festas, as instalacións permanecerán pechadas os sábados, domingos e festivos  (24, 25, 31 de decembro, 1, 6 de xaneiro).

A partir do 8 de xaneiro retomarase o horario habitual de inverno na Casa da Cultura, Biblioteca e Museo do Humor de Fene.
19-12-2024 -

Maxia e panxoliñas no arranque do Nadal en Fene

As actividades de Nadal que organiza a Concellería de Cultura trasládanse esta fin de semana ás sociedades do Concello. O local da AVV de Magalofes acolle este venres, ás 20 horas, o espectáculo de maxia Magic Mateo Show e nas instalacións do CMI Unidade de Fene celebrarase o sábado, ás 20 horas, o XXII Festival de Panxoliñas Concello de Fene. Tamén se anuncia para este venres, ás 17 horas, na Casa da Cultura o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música, coa participación do alumnado das actividades de solfexo, piano e guitarra. A entrada en todos os casos será libre e de balde até completar o aforo. 
19-12-2024 -

Comeza o Obradoiro dual de emprego Reinicia XI

Onte a Alianza Aresana acolleu o acto de inauguración do obradoiro dual de emprego Reinicia XI, promovido polo Concello de Ares, xunto cos concellos de Fene e Mugardos. Conta con dúas especialidades, atención sociosanitaria e carpintería, e neles participan un total de 20 alumnos/as traballadores/as, 10 por cada especialidade.
Como xa é común nesta tipoloxía de itinerario formativo, ambas opcións contemplan contratos de aprendizaxe en empresas e contornas reais de traballo e incluirán certificados de especialización profesional para impulsar o atractivo dos perfís laborais do alumnado.
19-12-2024 -

Clausúrase a primeira edición do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ en Ferrolterra cun encontro participativo

O Auditorio Municipal de Narón acolleu o día 18 de decembro un acto ao que asistiron persoal político e técnico, docentes e estudantado dos seis concellos participantes, ademais da Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña e o equipo promotor de Rexenerando S. Coop.
O LAB LGBT+ abordou a cuestión da diversidade sexual dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade.
A este encontro final do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ 2024 asistiron as traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras das áreas de igualdade de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño. Ademais, contou con representación de estudantado e docentes dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios.
19-12-2024 -

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista

Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe xoves  19 de decembro de 2024 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA de REJANE de 42 anos veciña de Viveiro (Lugo)

Rejane é a quinta vítima mortal da violencia machista en Galicia no 2024 sendo xa 46 as mulleres asasinadas en España no que levamos de ano (Fonte: Ministerio de Igualdade)

Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
17-12-2024 -

Canta Música, un espectáculo para levar a música tradicional galega ao público infantil a través do canto, do xogo e do baile

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acolle este xoves, 19 de decembro, ás 18.30 horas, o espectáculo de Pablo Díaz e Olga Kirk “Canta música”. Trátase dunha función de bailes, xogos-baile, canto, e música, dirixida a nenas e nenos cunha idade comprendida entre os 4 e os 9 anos. No decurso da mesma, as/os asistentes participarán de xogos bailables tradicionais e de bailes e cancións dunha maneira activa, rematando o espectáculo cunha gran muiñeira conxunta. A entrada será libre e de balde até completar o aforo.
17-12-2024 -

Fene abre este mércores o prazo para inscribirse como Paxes Reais na Cabalgata das SS.MM Os Reis Magos de Oriente

As familias dos/as pequenos, de entre 6 e 12 anos, que desexen participar como paxes reais, terán que entregar debidamente cuberto o formulario de solicitude -que se pode descargar na web www.fene.gal- no Rexistro Xeral do Concello, en días laborables, de luns a venres de 8:30 a 14:00 h, entre o 18 e o 29 de decembro. A selección dos paxes reais realizarase por orde de inscrición e o aforo é moi limitado.