O campo municipal Os Pinares acolle este sábado o III torneo de fútbol do Concello de Fene

Cultural Maniños SD, CCRD Perlío e SD Barallobre disputarán un triangular amigable con entrada libre

O campo municipal Os Pinares acolle este sábado o III torneo de fútbol do Concello de Fene

O torneo, con sede rotatoria anual, reparte 1.500 euros en vales para material deportivo

O Campo Municipal Os Pinares (Perlío) converterase este sábado 22 de agosto no escenario da terceira edición do Trofeo de Fútbol Concello de Fene. A competición, concibida como un triangular amigable de pretempada, reunirá ás tres entidades deportivas de referencia do municipio: o Cultural Maniños SD, o CCRD Perlío e a SD Barallobre. As actividades darán comezo ás 18:30 horas e a xornada contará con acceso libre e gratuíto para todo o público asistente.

A presentación oficial do Torneo tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial nun acto presidido pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de Deportes, Alba García. A convocatoria contou coa asistencia dos representantes dos tres clubs participantes: Alfredo Fernández, en representación do Cultural Maniños SD; José Augusto Borreiros, polo CCRD Perlío; e Víctor Domínguez, pola SD Barallobre.

Durante a presentación destacouse o valor institucional e social do evento xa que con esta terceira edición consolídase unha cita que naceu coa vontade expresamente institucional de recoñecer a traxectoria dos clubs históricos de Fene e reforzar os lazos de colaboración municipal. “Queremos que sexa un trofeo participativo, con bo ambiente e que sirva ao mesmo tempo como un marco óptimo de preparación técnica para o inicio da vindeira tempada oficial."

Formato de competición e horarios
O torneo disputarase baixo a modalidade de tres encontros curtos de 45 minutos de duración, deseñados para dinamizar a competición e garantir a máxima igualdade e ritmo deportivo durante a tarde. Os encontros terán lugar ás 18:30, 19:30 e 20:30 horas.

Premios e réxime de propiedade do Trofeo
A concellería de Deportes destina un total de 1.500 euros en vales para a adquisición de material deportivo, co fin de apoiar aos clubs participantes durante a tempada 2026/2027:

Primeiro clasificado: Vale de 700 € en material deportivo.

Segundo clasificado: Vale de 500 € en material deportivo.

Terceiro clasificado: Vale de 300 € en material deportivo.

Ademais da dotación en material deportivo, estará en xogo a copa oficial do Concello de Fene. Conforme ás bases reguladoras do torneo, o trofeo outórgase en custodia temporal durante un ano, pasando a ser propiedade definitiva do club que se impoña en tres edicións consecutivas ou en cinco alternas. Trala súa victoria nas dúas primeiras edicións, o Cultural Maniños SD dispón nesta convocatoria da oportunidade regulamentaria de adxudicarse o trofeo en propiedade se consegue revalidar o título.

Instalacións e sede rotatoria
Como parte do compromiso municipal coa equidade no uso das infraestruturas, o Trofeo Concello de Fene mantén un carácter rotatorio anual entre os campos dos equipos participantes. Nesta edición, a sede corresponde ao Campo Municipal Os Pinares (sede do CCRD Perlío), reafirmando o obxectivo de promover unha xornada festiva e de convivencia deportiva.