Exposición Ramón Otero Pedrayo

Do 25 de agosto ao 11 de setembro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura

Exposición Ramón Otero Pedrayo

A exposición foi producida pola Editorial Galaxia para a Fundación Penzol e a Cátedra Otero Pedrayo da USC e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

A mostra, de carácter divulgativo, percorre a vida e os fitos máis salientables nas múltiples facianas do chamado “patriarca” das letras galegas, a partir de catro seccións cronolóxicas.

De 1888 a 1923: Da infancia ao matrimonio; de 1924 a 1931: do regreso a Ourense á chegada da II República; de 1932 a 1950: das Cortes Constituintes á Cátedra universitária e, de 1950 a 1976: da Editorial Galaxia aos días finais.

Comisariada por Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol e por Xosé Manuel Dasilva, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e subdirector da Fundación Penzol, esta exposición forma parte das actividades que se desenvolven con motivo da declaración de 2026 como Ano Otero Pedrayo, conmemorativo do 50 cabodano do seu falecemento.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 5 de marzo de 1888 -10 de abril de 1976) foi xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual; unha das máis sobranceiras figuras da historia da cultura galega. Membro destacado da xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918, foi responsable da área de Xeografía do Seminario de Estudos Galegos, académico da Real Academia Galega, deputado galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas e traballou na aprobación do Estatuto
de autonomía de Galicia de 1936.

Fiel á causa galeguista durante a Guerra Civil, foi expedientado e apartado do seu posto docente. Presidente de Editorial Galaxia desde a súa fundación, está considerado o “patriarca das letras galegas”, de par que é autor dunha moi ampla obra narrativa, ensaística e dramática.