O Concello de Fene continúa avanzando no seu plan de mellora integral das infraestruturas municipais, cunha aposta clara pola renovación de vías, a mellora da drenaxe e a creación de espazos máis seguros e accesibles para a veciñanza. Nos últimos meses intensificouse o ritmo de execución de obras fundamentais nas parroquias, atendendo demandas históricas e actuando en puntos sensíbeis tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como da mobilidade peonil.
No marco deste plan, esta semana realizouse unha visita técnica para supervisar o resultado das obras xa finalizadas en Buios e comprobar o avance da nova senda peonil do Camiño do Regueiro. A alcaldesa, Sandra Permuy, acudiu acompañada da concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, e do primeiro tenente de alcaldesa e edil de urbanismo, Manuel Polo, nun percorrido que puxo de manifesto o impacto positivo destas intervencións no día a día da cidadanía.