O Concello de Fene renovará a cuberta da Escola Curros Enríquez de Maniños, un dos referentes do patrimonio indiano local

O inmoble, inaugurado en 1916 grazas á emigración fenesa en Cuba, presenta problemas de filtración e deterioro provocados polo paso do tempo

O Concello de Fene renovará a cuberta da Escola Curros Enríquez de Maniños, un dos referentes do patrimonio indiano local

O inmoble, inaugurado en 1916 grazas á emigración fenesa en Cuba, presenta problemas de filtración e deterioro provocados polo paso do tempo

A actuación conta cunha subvención da Deputación da Coruña destinada á protección do patrimonio cultural público

O Concello de Fene acometerá a substitución da cuberta da Escola Curros Enríquez de Maniños, unha actuación destinada a garantir a conservación e posta en valor dun dos edificios máis emblemáticos do patrimonio indiano do municipio.

O proxecto contempla a substitución integral da cuberta do edificio, co obxectivo de mellorar as condicións de salubridade e resolver os problemas derivados da deficiente evacuación das augas pluviais.

As obras serán posibles grazas á concesión dunha subvención da Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de axudas dirixido aos concellos para a realización de actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal durante o ano 2026.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “a Escola Curros Enríquez é moito máis ca un edificio; é un símbolo da solidariedade e do compromiso coa educación daqueles veciños e veciñas que, desde a emigración, contribuíron a construír o Fene que coñecemos hoxe”.

A rexedora sinalou que “a conservación deste inmoble é unha responsabilidade coa nosa historia e coa memoria colectiva de Fene”. Neste sentido, subliñou que “esta actuación permitirá garantir a protección dun elemento patrimonial de enorme valor e asegurar que continúe sendo un espazo útil e vivo para o tecido asociativo de Maniños”.

O investimento total ascende a 63.262,35 euros, dos que a administración provincial achegará 50.609,88 euros.

Desde o Concello de Fene destacan que esta intervención se enmarca na aposta municipal pola conservación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural, como ferramenta para reforzar a identidade do municipio e transmitir ás novas xeracións o legado recibido.


Mellorar a salubridade e frear as filtracións

O inmoble conta cunha cuberta a catro augas formada por tella cerámica curva sobre unha estrutura de madeira, cunha superficie aproximada de 238 metros cadrados. Tras a inspección realizada constatouse a existencia dun elevado número de tellas rotas, deformacións nos faldóns e a presenza de vexetación enraizada, o que dificultou a correcta evacuación da auga e provocou filtracións cara ao interior do edificio, deteriorando o falso teito de madeira existente.


Para resolver estes problemas instalarase unha nova cuberta de tella cerámica curva vermella, unha solución que permitirá corrixir os problemas e garantir a adecuada protección do inmoble.

O prazo estimado de execución dos traballos será de tres meses, unha vez se proceda á súa adxudicación.

Un legado da emigración fenesa en Cuba

A Escola Curros Enríquez constitúe un dos principais exemplos do legado indiano existente en Fene. Foi promovida pola “Sociedad de Instrucción y Recreo Naturales del Ayuntamiento de Fene”, constituída na Habana en 1910 por emigrantes feneses, que impulsaron a construción dun centro educativo moderno a partir dos planos enviados desde Cuba.

O edificio foi inaugurado en 1916 e, tras a desaparición da sociedade promotora en 1930 debido á crise económica, continuou ligado á vida do municipio. Na actualidade, acolle a actividade de diversas entidades sociais.