Novas

17-11-2025 -

A arte comunitaria e o cinema para a reflexión, na programación do Concello de Fene polo 25N

O Concello de Fene adiantou esta mañá a programación coa que conmemorará o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha axenda de actividades que combina arte comunitaria, memoria, reflexión e compromiso colectivo. As actividades centrais desenvolveranse os días 25 e 26 de novembro, incluíndo unha acción simbólica nos exteriores da Casa Consistorial, e a proxección do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, con coloquio posterior.

O propio 25 de novembro, martes, ás 12h, inaugurarase na Casa do Concello unha instalación artística composta por 1000 flores lilas elaboradas a man por un grupo de veciñas de Fene, as mulleres do gancho. Un acto de creación colectiva que converte a labor artesanal nun símbolo de resistencia e sororidade.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “estas flores representan o compromiso vivo das mulleres de Fene coa igualdade e na defensa dos dereitos das que xa non teñen voz”, e lembrou tamén que este tipo de accións “visibilizan o papel das mulleres como axentes de cambio e fortalecen o tecido comunitario”.
12-11-2025 -

Patty Diphusa no Novembro, mes do humor

A segunda función do ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o seu aniversario trae este venres a Fene á monologuista, malabarista e paiasa Malala Ricoy no seu papel de Patty Diphusa. A cita co espectáculo titulado Sexo seguro. Seguro? Seguro! será o venres 14 de novembro ás 20.00 horas. Entrada de balde con invitación que se poderá recoller (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
11-11-2025 -

Curso de atención especializada en Alzhéimer e outras demencias

O Concello de Fene dende a Área de Benestar e AFAL Ferrolterra organizan o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e outras Demencias”, dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. 
11-11-2025 -

O II Memorial José Ardá de xadrez celebrarase este domingo no local social da AVV de Limodre

A Concellería de Deportes de Fene, a AVV de Limodre e a Asociación Felicia, organizan para esta fin de semana o II Memorial José Ardá, coa colaboración da Escola de Xadrez da Galicia Norte e da Escola Ferrolá de Xadrez.
O encontro terá lugar o domingo no local social veciñal, atendendo ao seguinte cronograma: inscricións ás 10.30. primeira sesión ás 11.00, segunda ás 11.45, terceira ás 12.30, cuarta ás 16.00, quinta ás 16.45, sexta ás 17.30 e sétima ás 18.00 Haberá premios para os tres primeiros clasificados das categorías senior, veterán (+60), sub18, sub16, sub14, sub 12 e sub10. O primeiro premio en cada categoría ascenderá a 50€, o segundo a 40€ e o 3º a 30€.
10-11-2025 -

A Volta á Ría - Memorial Adolfo Ros disputarase o 14 de decembro

Volve, un ano máis, a proba de atletismo de referencia na comarca de Ferrolterra “Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros”. O Concello de Neda será o encargado da organización nesta 39 edición, en colaboración cos veciños municipios de Fene, Ferrol e Narón. Dende hoxe e durante un mes estará aberto, a través da web www.carreirasgalegas.com, o prazo de inscrición na media maratón. O obxectivo, revalidar a excelente acollida das últimas entregas.
10-11-2025 -

Paula Currás faise co XXXVIII Premio de Poesía Pérez Parallé

O certame do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene ten unha dotación de 3.000 euros e conta coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior. A trixésima oitava edición do Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé foi para Paula Currás. A autora nada en Cambre en 1996 impúxose neste galardón pola obra Vestiario. O volume será publicado na Colección de Poesía Espiral Maior. Xosé Carlos Carracedo, Lucía Aldao e Silvia Pernas compuxeron o comité de selección desta xeira do certame. A entrega do premio realizarase o vindeiro sábado 22 de novembro na sede da entidade. Paula Currás (Cambre, 1996) é poeta e doutora en poesía norteamericana pola Universidade da Coruña, onde actualmente exerce como profesora e investigadora. A súa produción poética (en inglés e galego, respectivamente) foi publicada nas revistas Porridge e Dorna. En 2024 obtivo o segundo premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, así como o XXXI Premio Xoán Díaz de Cambre en 2025.
10-11-2025 -

O xoves 13 a biblioteca municipal acollerá un obradoiro dirixido ao público entre 6 e 11 anos

O xoves día 13 de novembro ás 17.30 na B.P.M. de Fene vaise realizar un obradoiro co título de "Ramas literarias", para público infantil e xuvenil, entre 6 e 11 anos. O número de prazas é limitado polo que se require reserva de praza na biblioteca. As reservas pódense facer presencialmente ou por teléfono (981342302 / 607625346) durante o horario de apertura da biblioteca (de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas e sábados de 10.00 a 13.00 horas.
06-11-2025 -

Oswaldo Digón na primeira función do Novembro, mes do humor

Este venres, 7 de novembro, arrinca o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta primeira xornada, na que ademais se entregarán os Premios Curuxa 2025, o protagonista será Oswaldo Digón. O espectáculo, titulado “In-certo”, comezará ás 20.00 horas. E a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
In-certo é un espectáculo de comedia onde Oswaldo Digón mestura o seu estilo de monólogos humorísticos coa súa ampla experiencia como improvisador teatral, contando historias que se desenvolven de xeito diferente en cada función, facendo que cada espectáculo sexa único e irrepetible.
05-11-2025 -

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita Fene e comprométese a reclamar o estudo informativo da Rolda Oeste

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Fene, onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra Permuy, e membros do equipo de goberno. A reunión centrouse en asuntos que dependen da Administración do Estado e que afectan directamente ao concello, con especial atención á necesidade de impulsar a Rolda Oeste de Fene, unha infraestrutura estratéxica que figura tanto no PXOM de Fene como no Plan de Estradas de Galicia.
O proxecto prevé unha vía de conexión entre o Polígono Industrial de Vilar do Colo, no Rego da Moa, e a entrada principal do estaleiro de Navantia Fene, permitindo acceder desde a AP-9 e a N-651 directamente até o inicio da Ponte das Pías. Trátase dunha actuación clave para resolver os actuais problemas de circulación de mercadorías de gran tamaño, que deben atravesar o casco urbano, provocando molestias ao tráfico e riscos pola presenza de infraestruturas e pasos estreitos.
04-11-2025 -

O Concello de Fene anuncia a contratación dun educador/a social a través do Programa de Garantía Xuvenil. 

A contratación, cofinanciada pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, permitirá un período de nove meses de experiencia profesional nun posto de educador/a social.
Esta iniciativa forma parte da aposta do goberno local por fomentar o emprego xuvenil e ofrecer novas oportunidades laborais á mocidade da comarca, ao mesmo tempo que contribúe ao fortalecemento da estrutura administrativa e á mellora dos servizos públicos.