A Escola de Tempo Libre Néboa organiza este verán dous campamentos dirixidos a crianzas e adolescentes
O Concello de Fene colabora coas Acampadas Intermunicipais de Vilarbó
As persoas empadroadas en Fene poderán beneficiarse dun prezo reducido grazas á colaboración municipal
09-06-2026
O Concello de Fene vén de anunciar a súa colaboración coas XXXVIII Acampadas Intermunicipais Vilarbó 2026, unha iniciativa organizada pola Escola de Tempo Libre Néboa que ofrece actividades educativas, deportivas e de lecer en contacto coa natureza durante o verán.
As acampadas desenvolveranse no Lugar de Vilarbó, ao remate do encoro da Ribeira, ás beiras do río Eume, nun contorno natural especialmente axeitado para este tipo de actividades.
Nesta edición ofertaranse dúas modalidades. A primeira delas será o campamento Multiaventura, que se celebrará do 3 ao 13 de xullo e está dirixido a adolescentes de entre 12 e 17 anos. O programa inclúe actividades deportivas e de aventura como xogos acuáticos, canoa e remo, travesías, splatmaster, paintball, tiro con arco, carabina, orientación, xincanas, xogos populares e voleibol. Ademais, tamén se desenvolverán actividades relacionadas coa vida en acampada, como estadías no río, artesanía, cociña ou tarefas de conservación e limpeza do espazo.
A segunda proposta será o campamento Robinsón, destinado a crianzas de entre 7 e 11 anos, que terá lugar do 23 ao 30 de xullo. Neste caso, as actividades estarán centradas na creatividade, a convivencia e o descubrimento da natureza, con obradoiros de artesanía, debuxo e medio ambiente, sendeirismo, xogos acuáticos, canoa e remo, xincanas e xogos populares.
Grazas á colaboración do Concello de Fene, as persoas empadroadas no municipio poderán beneficiarse de condicións económicas máis vantaxosas para participar nas acampadas.
A concelleira de xuventude, Alba García, destacou que “estas acampadas constitúen unha oportunidade magnífica para que a mocidade desfrute do verán nun entorno natural, fomentando valores como a convivencia, a autonomía, o respecto polo medio ambiente e a práctica de actividades saudables”.
Desde o Concello de Fene anímase ás familias interesadas a informarse sobre esta proposta, que conta cunha longa traxectoria e se ten consolidado como unha das referencias do ocio educativo estival na comarca.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a matrícula a través do correo electrónico escola@neboa.org, da páxina web neboa.org ou no teléfono 669 111 183.
