Feira literaria, charlas e presentación de novidades nas III Xornadas Literarias do Pote que se celebrarán este venres

Feira literaria, charlas e presentación de novidades nas III Xornadas Literarias do Pote que se celebrarán este venres

Participarán no encontro a gañadora do Premio Xerais 2025, Abril Camino, xunto cos tamén escritores Óscar Reboiras, Rober Cagiao, Rodrigo Costoya e Fran Alonso

"Converter o noso Concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas". Con este obxectivo naceron as Xornadas Literarias do Pote que organizan a Concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA. A terceira edición deste encontro, que cada ano vai medrando e afianzándose, terá lugar este venres, 12 de xuño, a partir das 18.00 horas, nunha carpa instalada a carón da entidade de Maniños.
 
Nesta terceira edición das xornadas, un dos principais atractivos será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no encontro: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais.
 
As persoas que asistan a estas III Xornadas Literarias do Pote tamén poderán visitar a feira literaria que se instalará a partir das 18.00 horas nos arredores do Pote, coa participación de autores e autoras de Ferrolterra e arredores. Feira organizada coa colaboración da Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER) e de Imprenta Sanesteban.