Novas

21-10-2025 -

Aberto o prazo de presentación de candidaturas para a V Gala do Deporte do Concello de Fene

O Concello de Fene vén de facer públicas as bases que rexerán a organización dunha nova edición da Gala do Deporte, evento co que se pretende “reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello”. Recoñécese, deste xeito, o seu traballo e traxectorias deportivas relevantes no ano ou tempada 2024/5. Poderán optar tanto as persoas físicas, clubs deportivos como as entidades do municipio que cumpran os requisitos establecidos en cada unha das categorías.
A Concellería de Deportes habilitou a dirección de correo electrónico deportes.fene@gmail.com para o envío de información (até as 23.59 horas do 9 de novembro de 2025), resolución de dúbidas e consultas referentes ao evento que terá lugar o sábado 29 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Os nomes dos premiados daranse a coñecer publicamente na páxina web do Concello.
20-10-2025 -

Fene presenta o tráiler do documental “A Escola da Memoria”, dentro dos actos polo centenario da Sociedade Hijos de Limodre

A Escola de Limodre acolleu esta tarde a presentación do tráiler do documental “A Escola da Memoria”, unha produción impulsada pola Asociación Veciñal de Limodre coa colaboración do Concello de Fene, e dirixida por Iago Varela. O proxecto enmárcase dentro da programación especial co gallo do centenario da Sociedade “Hijos de Limodre”, entidade histórica que simboliza o espírito asociativo, educativo e solidario que marcou a identidade da parroquia.
O acto incluíu tamén unha charla-coloquio a cargo de Montse Golias Pérez e Arantxa Fernández Crespo, que baixo o título “As sociedades instrutivas indianas”, afondou no papel das asociacións emigrantes na promoción cultural e educativa de Galiza no primeiro terzo do século XX. A xornada completouse cunha homenaxe ás persoas doadoras que fixeron posíbel a construción da escola.
17-10-2025 -

Asinados os convenios de colaboración das subvencións nominativas para as entidades culturais, deportivas, ensino e de promoción económica

A alcaldesa de Fene e representantes de varias sociedades culturais, deportivas, de ensino e promoción económica do termo municipal asinaron este mediodía os convenios das Subvencións Nominativas do ano 2025.
Os convenios ascenden a un total de 39.500 € para as Culturais, 7.500 € para Ensino, 5.000 € para Deportes e 26.000 € para Promoción Económica. Con anterioridade, foron asinados os convenios da AC Felicia (Felicia Pop Festival) e Centolos AC (Festival Fenerock), por un importe de 11.000 € para cada un.
16-10-2025 -

A ruta de tapas “O Estaleiro nas Tabernas” continúa esta fin de semana en Fene con novas propostas gastronómicas e cantos de taberna

 Tras o éxito da primeira fin de semana, na que moita veciñanza se achegou aos locais participantes para degustar tapas elaboradas con produtos do mar, a ruta gastronómica “O Estaleiro nas Tabernas” continúa esta fin de semana cunha nova edición que combina tradición, sabor e música popular.
As citas serán este venres 17 e o sábado 18 de outubro, entre as 20.00 e as 22.00 horas, e nesta ocasión participarán os establecementos O Enxebre, Arrecendo, A Ponte, Son da Cociña, CMI Unidade Fene e Lembranza, que ofrecerán creacións inspiradas na cociña mariñeira tradicional, ao prezo de 2,50 € a tapa.
16-10-2025 -

Dispositivo día de tódolos santos e defuntos

Con motivo do Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos, o Concello de Fene informa da ampliación de horarios do cemiterio municipal, así como da posta en marcha dun servizo de transporte especial.
15-10-2025 -

O Concello de Fene intensifica as tarefas de mantemento ambiental con podas, limpeza do río Cádavo e baleirado do cubo do muíño

O Concello de Fene está a desenvolver nas últimas semanas un amplo programa de actuacións orientadas á conservación das zonas verdes e fluviais do municipio. As intervencións inclúen traballos de poda en diferentes puntos do termo municipal, a limpeza do treito urbano do río Cádavo e o baleirado do cubo do muíño do Parque Lineal.
Coincidindo co período de parón vexetativo do outono e inverno, as podas teñen por obxectivo manter controlado o crecemento das árbores, potenciar o seu carácter ornamental e favorecer un rebrote vigoroso na primavera. Ata o momento xa se acometeu a poda das laranxeiras do Penedo (Barallobre) e dunha das marxes de Marqués de Figueroa, avanzando agora na outra. Nas próximas semanas será a quenda das avenidas Naturais, Conces, San Valentín, A Torre (Perlío), o Parque de Educación Viaria e a laranxeira do cruce da Fraga.
A concelleira de medio ambiente, Cristina García, explicou que “estas actuacións son fundamentais para manter saudable o arborado urbano e previr riscos derivados de ramas secas ou mal orientadas”. Ademais, engadiu que “as podas realízanse con criterios de sustentabilidade, co compromiso de preservar e mellorar o patrimonio verde municipal, incorporando novas especies adaptadas ao noso entorno”.
14-10-2025 -

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición para o encontro interxeracional do proxecto Fene 1941

O Concello de Fene vén de abrir o prazo de inscrición para participar no encontro interxeracional do proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”, que se celebrará o sábado 25 de outubro ás 18:00 h na ACRD O Pote de Maniños.
O evento porá o broche final ao proxecto e servirá como punto de encontro entre xeracións arredor da memoria viva do estaleiro e da cultura mariñeira. Durante o acto presentarase un vídeo resumo das actividades realizadas, farase entrega dun recoñecemento ás persoas e entidades participantes, e presentarase unha exposición e publicación fotográfica con imaxes recollidas durante o desenvolvemento. A xornada rematará cunha degustación de produtos do
mar.
O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado polo Programa FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte, cun 70% de fondos da Unión Europea e un 30% da Consellería do Mar (Xunta de Galicia).

Inscricións: https://forms.gle/Lfp7rLi9tdirexMy8
14-10-2025 -

“O Museo de Historia Natural Ferrol, un museo cidadá” protagoniza este xoves a primeira charla do ciclo Contando Ciencia deste curso

A conferencia terá lugar este xoves, 16 de outubro, ás 19.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con entada libre e de balde. E correrá a cargo do delegado da SGHN-Ferrol Xan Rodríguez Silvar. No devir desta charla, o biólogo, naturalista e activista ambiental falará das orixes e da historia do museo ferrolán que naceu “como resultado da actividade de decenas de socios e colaboradores da entidade e que, na actualidade, ten unha das mellores coleccións naturistas da península ibérica”.
13-10-2025 -

O Concello de Fene foi beneficiario en 2025 de varias axudas da Deputación da Coruña para o mantemento de persoal técnico das Concellerías de Cultura e Deportes

13-10-2025 -

Presentación en Fene do libro Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal"

A Casa da Cultura de Fene acollerá este mércores, ás 19.30 horas, a presentación do libro de Antonio Blanco Carballo "Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal". Trátase dunha "obra imprescindible para manter viva a memoria histórica da nosa terra e de todas as vitimas que loitaron pola liberdade e a democracia". No acto, o autor estará acompañado pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy. E as persoas que asistán recibirán de balde un exemplar desta publicación que contou coa colaboración da Deputación da Coruña. "Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal" nace a raíz da instalación dunha escultura de Manuel Patinha no parque Antón Varela de Canido. O libro afonda tanto na instalación do monumento en homenaxe ás vítimas do franquismo como en toda a historia que afectou aos veciños e veciñas da zona, dende o inicio da ditadura, atendendo á cronoloxía, e dando voz a diversas testemuñas.