O goberno local insiste en que ambas medidas responden á aplicación de normativas e á necesidade de garantir a prestación de servizos
O Concello de Fene aclara o funcionamento das taxas de depuración e lixo ante as dúbidas da veciñanza
O Concello lembra que se habilitaron mecanismos para minimizar o impacto económico nas familias
13-05-2026
O Concello de Fene quere aclarar diferentes cuestións relacionadas co cobro das taxas de depuración de augas residuais e do servizo de recollida e tratamento do lixo, ante as dúbidas trasladadas por parte da veciñanza nas últimas semanas. Desde o goberno municipal sublíñase que ambas cuestións responden á necesidade de garantir a sustentabilidade dos servizos públicos e ao cumprimento das obrigas legais e normativas vixentes, ao tempo que se está a procurar que a súa aplicación sexa o máis gradual e asumible posible para as familias.
Taxa de depuración
No caso da depuración, o Concello lembra que o cobro responde á aplicación dunha ordenanza fiscal aprobada no ano 2014, que até o ano pasado non se estaba aplicando. O servizo de depuración préstase a través dunha infraestrutura compartida cos concellos de Ares e Mugardos e coa colaboración da Xunta de Galiza, sendo un servizo que nos municipios veciños leva anos repercutíndose á veciñanza.
O goberno local explica que a regularización da situación era necesaria para adecuarse á normativa e garantir a viabilidade do servizo. Neste sentido, o recibo emítese con carácter trimestral a través do Servizo de Recadación da Deputación da Coruña.
Así mesmo, para reducir o impacto económico derivado da regularización dos importes pendentes desde 2021, estableceuse un sistema progresivo de cobro que permite fraccionar os pagamentos.
Desde o Concello de Fene recoñécese que este tipo de medidas “poden xerar preocupación e supoñer un esforzo para moitas familias”, motivo polo que se está a traballar para aplicar os cambios “da maneira máis xusta e gradual posible”.
Taxa do lixo
En relación coa taxa do lixo, o Concello lembra que recentemente se acordou dividir o cobro en dúas anualidades, co obxectivo de facilitar o pagamento e evitar unha carga económica concentrada nun único momento do ano.
Deste xeito, os períodos voluntarios de pagamento establécense entre o 1 de abril e o 15 de xuño, e entre o 1 de setembro e o 16 de novembro.
O goberno municipal insiste en que a actualización desta taxa “non responde a unha decisión discrecional do Concello”, senón á aplicación da Directiva europea 2018/851 e da Lei estatal de residuos e chans contaminados, que obrigan ás administracións locais a repercutir o custo real do servizo.
Ademais, explícase que o incremento dos custos do sistema de tratamento de residuos, vinculado ao modelo actual baseado na incineración e no vertedoiro empregado por SOGAMA, repercute directamente na taxa. “A falta dun maior impulso por parte da Xunta de Galiza a modelos alternativos baseados na redución, a reutilización e a reciclaxe limita a capacidade de avanzar cara a sistemas máis sostibles e economicamente máis eficientes para os concellos”, denuncia o goberno local fenés.
Medidas para minimizar o impacto económico
Desde o Concello de Fene sublíñase que, ante esta situación, se adoptaron medidas para minimizar o impacto económico, ao tempo que se continúa traballando na mellora do sistema de recollida e na promoción de hábitos máis sostibles.
Neste sentido, o goberno local lembra que unha correcta separación dos residuos, o uso responsable dos colectores e a utilización axeitada do punto limpo contribúen a mellorar a eficiencia do sistema e a reducir os custos do servizo a medio e longo prazo.
O Concello anima á veciñanza que teña dúbidas a informarse a través das canles municipais habituais, reiterando o compromiso do goberno local cunha xestión transparente e próxima da información pública.
