O goberno local destaca que o novo documento permitirá definir o modelo de concello para as próximas décadas e adaptar o planeamento urbanístico ás necesidades
O pleno de Fene aproba por unanimidade iniciar a contratación do novo PXOM
Sandra Permuy, subliña que a posta en marcha do PXOM é “un compromiso claro deste mandato” e Manuel Polo destaca a adaptación á normativa urbanística e ambiental vixente
15-05-2026
O pleno do Concello de Fene aprobou este venres o expediente de contratación do servizo de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un paso decisivo para actualizar o planeamento urbanístico municipal tras máis de vinte anos de vixencia do actual documento. A proposta saíu adiante por unanimidade.
O novo PXOM substituirá o documento urbanístico actualmente en vigor, aprobado definitivamente no ano 2003, e permitirá adaptar o desenvolvemento urbanístico de Fene á normativa actual, aos cambios sociais e ás necesidades territoriais, ambientais e residenciais do municipio.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou a importancia dunha aprobación que cualificou de “estratéxica para o presente e o futuro do concello”. “Estamos falando dunha ferramenta fundamental para decidir como queremos que sexa o Fene das próximas décadas. Un concello máis ordenado, máis sostible, con máis oportunidades para vivir e desenvolver proxectos de vida”, sinalou.
Permuy lembrou ademais que a reactivación do PXOM forma parte dos compromisos asumidos polo goberno local neste mandato. “Este era un compromiso claro do noso mandato e damos agora un paso importante para facelo realidade. Fene non podía continuar cun planeamento urbanístico pensado para unha realidade de hai máis de vinte anos. Era necesario retomar este proceso con rigor, con ambición e cunha visión actualizada do territorio”, afirmou.
A alcaldesa incidiu tamén en que o novo documento deberá responder aos cambios sociais e residenciais producidos nos últimos anos. “As formas de vivir cambiaron, igual que as necesidades da veciñanza. Existe unha maior demanda de vivenda unifamiliar, de espazos máis sostibles e dunha relación máis equilibrada entre o urbano e o rural. O PXOM ten que dar resposta a esas transformacións sen perder identidade nin cohesión territorial”, indicou.
Neste sentido, destacou que o futuro planeamento incorporará aspectos como a sustentabilidade ambiental, a mobilidade, a perspectiva de xénero ou os obxectivos de desenvolvemento sostible. “Queremos un Fene pensado para as persoas, máis accesible, máis amable e mellor preparado para afrontar os retos futuros”, engadiu, agradecendo tamén o traballo desenvolvido desde a área de Urbanismo para desbloquear e impulsar novamente a tramitación do PXOM. “Hai moito esforzo técnico e político detrás deste paso, e quero recoñecer especialmente o traballo e a implicación do concelleiro Manuel Polo para facer posible que este proxecto avance”, sinalou a alcaldesa.
Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, explicou que a aprobación do expediente permite iniciar xa o procedemento de licitación pública para contratar a redacción do novo plan. “Estamos diante dun proceso complexo desde o punto de vista técnico e administrativo, pero absolutamente necesario para actualizar un planeamento que quedou desfasado tras os importantes cambios normativos producidos nos últimos anos”, apuntou.
O edil lembrou que o anterior contrato de redacción do PXOM foi resolto no ano 2024 por mutuo acordo coa empresa adxudicataria, despois de que as modificacións lexislativas en materia urbanística, ambiental e cartográfica fixesen inviable continuar cos traballos iniciados en 2010. “A nova contratación permitirá elaborar un documento completamente adaptado á Lei do Solo de Galiza, á normativa ambiental actual e ás normas técnicas de planeamento vixentes”, explicou.
Segundo recolle o expediente aprobado, o contrato terá un prazo total de execución de catro anos, cunha posible prórroga dun ano máis, e contará cun orzamento base de licitación de 272.435,05 euros, IVE incluído. O procedemento de contratación será aberto e suxeito a regulación harmonizada europea, cun prazo de 30 días naturais para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.
Manuel Polo destacou tamén algunhas das novidades técnicas que incorporará o proceso, entre elas a integración da perspectiva de xénero no planeamento, a elaboración dun estudo ambiental estratéxico completo, a adaptación á cartografía oficial actualizada e a creación dun visor dixital que permitirá á cidadanía consultar documentación e planos durante a tramitación do PXOM.
“O obxectivo é contar cun documento rigoroso, transparente e participativo, que permita ordenar o territorio con seguridade xurídica e compatibilizar a protección do medio ambiente e do patrimonio co desenvolvemento residencial, económico e social do municipio”, concluíu o responsable de Urbanismo.
