Concerto de As Pías no acto de presentación do libro gañador do XXXVIIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Concerto de As Pías no acto de presentación do libro gañador do XXXVIIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a presentación de Vestiario, poemario co que Paula Currás Prada gañou o XXXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que organiza a entidade fenesa coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior. O acto comezará ás 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar aforo. Ao remate actuará o grupo As Pías, concerto organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

As Pías é un grupo de música tradicional galega de corda e vento que interpreta pezas tradicionais galegas arranxadas: de cancioneiros, de composición propia e de autores/as amigos. Tocadas con instrumentos tradicionais de corda mas tamén de vento como a requinta, o pito e a gaita galegas, ten tamén pezas cantadas tradicionais do repertorio galego e portugués.

O motivo fundamental da banda é reivindicar a corda na música tradicional e desfrutar da música galega e en galego, tentando dignificala e situala na posición que lle corresponde como representante do noso pobo. “Da guitarra galega e dos cordófonos en xeral son abondosas as referencias na historia (retablos, esculturas, gravados, cantigas, etc) e o seu uso popular segue a ser xeralizado no noso país salvo na música tradicional. Pola contra, os nosos irmáns portugueses e irlandeses usan a cotíoi os instrumentos de corda na súa música tradicional”. E As Pías, desde Galicia, reivindica o seu uso.

Malia sera un grupo de recente creación, As Pías afrontou o verán pasado cunha morea de actuacións, que o levou a compartir cartel con formacións da talla de Tiruleque, Sheyla Patricia ou Xabier Díaz entre moitas outras. Neste momento a banda traballa no seu primeiro traballo de estudo con dez temas inéditos ata a data.