A Fundación Rosalía presenta este mércores en Fene o número 10 da revista Follas Novas de Estudos Rosalianos
08-06-2026
A Fundación Rosalía de Castro presenta este mércores 10 de xuño, ás 19 horas, na Casa da Cultura de Fene, o último número da revista Follas Novas de estudos rosalianos, que chega así ao número 10 con artigos variados sobre o universo rosaliano, desde a monumentalización do seu sepulcro, un estudo sobre a súa presenza en filmes, ou mesmo o imaxinario vampírico na súa obra, entre outros moitos.
No acto de presentación estarán presentes Sandra Permuy, alcaldesa do Concello de Fene que patrocina a publicación; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Pilar García Negro, do Consello de Redacción; e Diego Rodríguez, autor dun dos artigos.
O número 10 da revista de estudos rosalianos conta tamén con artigos chegados de universidades de fóra de Galicia, con autores como Nuria Godón (Florida Atlantic University) ou Aurora López e Andrés Pociña (Universidade de Granada), ou de investigadores independentes como Christian Switek, Diego Rodríguez ou Xurxo Martínez. Alén disto tamén inclúe outros estudos e recensións asinados por Pilar García Negro, Felipe-Senén López, Lydia Fontoira, Margarita Viso ou o mesmo Anxo Angueira.
