A xornada combinará actividade física, sensibilización e convivencia cunha andaina, unha clase colectiva de baile e un xantar solidario
Fene acollerá este domingo a Andaina Por+Vida con motivo do 18 aniversario do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica
As actividades desenvolveranse na Praza do Alcalde Ramón Souto González e no CCRD de Perlío
10-06-2026
O Concello de Fene colaborará coa asociación Por+Vida na celebración da Andaina Por+Vida, unha iniciativa que terá lugar o vindeiro domingo 14 de xuño e que servirá para conmemorar o 18 aniversario do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica.
As actividades desenvolveranse na Praza do Alcalde Ramón Souto González, onde ás 10.30 horas terá lugar a recepción e benvida ás persoas participantes. Entre as 11.00 e as 12.00 horas celebrarase a andaina, mentres que a programación continuará entre as 12.00 e as 13.00 horas coa lectura dun manifesto e cunha clase colectiva de baile impartida por Sandra García, da escola UPA Un Paso Adelante.
A xornada rematará cun xantar solidario consistente nunha churrascada, que se celebrará ás 14.30 horas no CCRD de Perlío e que contará coa actuación musical do grupo Os Tabernícolas.
As persoas interesadas en participar no xantar poden adquirir os seus tickets, cun prezo de 23 euros, chamando ao teléfono 676 478 361 ou a través do correo electrónico pormaisvida2011@gmail.com.
A concelleira de deportes, Alba García, destacou a importancia dunha iniciativa que “combina a promoción da actividade física cunha mensaxe de esperanza, superación e apoio ás persoas que conviven ou conviviron co cancro”.
A edil subliñou tamén “o enorme traballo que desenvolve a asociación Por+Vida desde hai dezaoito anos, promovendo a práctica do exercicio físico como unha ferramenta fundamental para mellorar a calidade de vida das
persoas afectadas”.
Desde o Concello de Fene anímase á veciñanza a participar nesta xornada solidaria e festiva, que busca visibilizar os beneficios da actividade física na recuperación e no benestar das persoas con enfermidades oncolóxicas, ao tempo que fomenta a convivencia e a sensibilización social.
