O CEIP Os Casais acada o segundo premio de «Somos Rural» cun proxecto para reivindicar os muíños de Fene
12-06-2026
O CEIP Os Casais de Fene vén de obter o segundo premio na IV edición do concurso audiovisual «Somos Rural», organizado pola Confederación de ANPAS Galegas. O traballo premiado, titulado «Muíños», forma parte dun proxecto educativo desenvolvido ao longo do curso para reivindicar e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e industrial do noso concello.
Este recoñecemento súmase aos primeiros premios acadados polo centro na primeira e na terceira edición do certame, consolidando unha liña de traballo centrada na investigación e divulgación do patrimonio local.
A iniciativa dá continuidade a proxectos anteriores dedicados ao patrimonio indiano, aos lavadoiros e aos hórreos de Fene. Nesta ocasión, o alumnado centrou o seu traballo nos muíños, un dos elementos máis representativos da historia do municipio. Durante o século XVIII chegaron a funcionar arredor de cincuenta e tres muíños no territorio fenés, desempeñando un papel fundamental na economía, na vida social e na identidade das comunidades locais.
O proxecto contou coa participación activa de alumnado, profesorado e familias. Ademais da elaboración do audiovisual, desenvolveuse unha mostra fotográfica coa colaboración da comunidade educativa, construíuse unha réplica dun muíño na entrada do centro para traballar o seu funcionamento e realizouse unha visita didáctica ao Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX), en Narón.
A programación completouse o pasado 27 de febreiro cunha xornada de convivencia aberta ás familias, na que se recrearon aspectos da vida labrega tradicional. A actividade principal foi unha palestra a cargo de dúas bisavoas de alumnas do centro, que compartiron as súas experiencias vinculadas aos muíños familiares e permitiron ao alumnado achegarse á memoria viva do noso patrimonio.
Desde o CEIP Os Casais expresan a satisfacción por este recoñecemento, que premia o esforzo conxunto de alumnado, profesorado e familias. Este segundo premio supón un novo impulso para continuar desenvolvendo proxectos educativos comprometidos coa conservación, o coñecemento e a difusión do patrimonio de Fene.
