Fene acollerá un Curso de introdución á lingua e cultura galegas no mes de setembro
30-06-2026
O venres 3 de xullo abre o prazo de inscrición para o Curso de introdución á lingua e á cultura galega que organiza a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (Rede de Dinamización Lingüística) coa colaboración do Concello de Fene. A acción formativa, dirixida a persoas maiores de 16 anos interesadas na aprendizaxe da lingua e a cultura galegas nun nivel inicial, desenvolverase na Casa da Cultura de Fene do 4 ao 30 de setembro, os mércores e venres, de 17 a 20 horas. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo do 3 ao 23 de xullo, entregando a folla de inscrición (dispoñible na web municipal) presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entresollado) ou no correo: cultura.deportes@fene.gal. O número de prazas é limitado (máximo 20 persoas) e, ao remate do curso, entregarase diploma.
Trátase dun curso presencial co que se pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas provenientes do exterior. O obxectivo do mesmo é “fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua”.
A duración do curso será de 20 horas repartidas en 5 unidades. Nelas estudaranse nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática haberá unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.), ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Incluiranse, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía, tradicións, festas, música etc.).
Programa:
Introdución á lingua: familiarizarse coa fonética, o alfabeto e as regras básicas de pronunciación do galego.
Vocabulario esencial: aprender palabras e expresións cotiás (saúdos, presentacións, números, días da semana etc.).
Frases básicas: construír frases sinxelas para a comunicación en situacións comúns da vida cotiá.
Comprensión oral e escrita: desenvolver a capacidade de entender mensaxes básicas en textos e conversas sinxelas.
Interacción oral: practicar diálogos básicos.
Conciencia cultural: introducir aspectos culturais e lingüísticos que axuden a contextualizar o idioma.
