A alcaldesa, Sandra Permuy, e o tenente alcalde, Manuel Polo, recibiron a representantes do comité intercentros
O Goberno municipal de Fene traslada o seu apoio ás reivindicacións do persoal de Veolia - Viaqua
O executivo local fai un chamamento ao diálogo para resolver o conflito laboral e garantir un servizo público de calidade
30-06-2026
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o tenente de alcalde, Manuel Polo, mantiveron unha reunión con representantes do comité intercentros de Viaqua no marco da rolda de contactos que a representación sindical está a desenvolver cos preto de cincuenta concellos nos que a empresa presta os servizos de abastecemento e saneamento de auga.
Durante o encontro, as representantes do persoal trasladaron ao goberno municipal a situación actual da negociación do convenio colectivo e as circunstancias que levaron á convocatoria de folga prevista para hoxe.
O Goberno municipal de Fene quixo expresar o seu apoio ás reivindicacións do persoal e fixo un chamamento á dirección de Veolia e Viaqua para que intensifiquen o diálogo co obxectivo de alcanzar un acordo que permita resolver o conflito laboral aberto.
A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “os servizos públicos de abastecemento e saneamento descansan no traballo diario de profesionais que merecen unhas condicións laborais dignas e adecuadas”. A rexedora sinalou ademais que “o diálogo e a negociación deben ser as ferramentas para resolver este tipo de conflitos, especialmente cando afectan a servizos esenciais para a cidadanía”.
Segundo explicou o comité intercentros durante a reunión, a negociación do convenio colectivo permanece practicamente bloqueada debido á posición da dirección da empresa, que, segundo denuncian, rexeita incorporar melloras laborais argumentando que os custos salariais reducen a competitividade da compañía nos concursos públicos.
Entre as principais demandas do persoal figuran o mantemento da xubilación parcial, a recuperación e garantía do poder adquisitivo mediante incrementos salariais vinculados ao IPC, a equiparación das condicións de antigüidade e salariais entre diferentes áreas de actividade, a mellora das condicións do persoal administrativo, o incremento das compensacións por gardas, traballos penosos e festivos, así como a adaptación da xornada laboral ás novas realidades do sector.
O Goberno municipal de Fene considera fundamental que as diferenzas entre as partes se resolvan mediante a negociación e o acordo, garantindo tanto os dereitos laborais do persoal como a prestación dun servizo público esencial en condicións de calidade para a veciñanza.
