Tamén este venres, ás 12.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións para o monólogo de David Amor do vindeiro mércores
Teatro dos Ghazafelhos abre este venres na praza do CPS de San Valentín a programación do ciclo Xullo, Mes da Patria
No Cómbaro actúa o sábado na ACRD Liga de Amigos de Barallobre no marco da celebración da Romaría do Camiñante
01-07-2026
A programación que organiza a Concellería de Cultura para festexar o Día da Patria Galega arrinca este venres cun espectáculo da compañía teatral naronesa Ghazafelhos en San Valentín. Representará Ándale! Bon appétit, reposición da exitosa obra Bon Appétit da mesma compañía na que “os nosos queridos chefs Felipe, Antonio e Francisco amosarán a deliciosa comida mexicana facendo un pequeno repaso da historia deste marabilloso país”. A función comezará ás 20.30 na praza a carón do CPS de San Valentín. Espectáculo para toda a familia con entrada libre e de balde.
Tamén este venres pero pola mañá, ás 12.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións (dúas por persoa adulta) para o espectáculo Love está no aire que ofrecerá o cómico e monologuista David Amor o vindeiro mércores 8 de xullo ás 21.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González.
Por outro lado, o Concello de Fene levará este sábado á Romaría do Camiñante unha actuación do grupo No Cómbaro co espectáculo de cantos de taberna “Pídame unha cantiguiña”. A cita será o sábado 4 de xullo, ás 20.30 horas, no local da ACRD Liga de Amigos de Barallobre, con entrada libre e de balde.
Ándale! Bon appétit,
Tamales, enchiladas, tacos... todas, receitas enderezadas co inconfundible humor de Teatro Ghazafelhos e onde aparecerán personaxes como Pancho Villa, Frida Kahlo, os mariachis... e, como non, a participación do publico. Ándale pues!
Ghazafelhos é unha compañía nada en Narón no 2006. Logo de iniciarse con pequenas obras de titieres ou contacontos, especializanse en teatro familiar con obras como "A Orixe dos Ghazafelhos", "Contos Mariñeiros" en proxecto de editar libro cd polo seu contido humán, "Frankenstein" presente na feira das artes escénicas 2010 ; "Nana para un Soldado" estreada o 2 de outubro d0 2011 en Narón e "3, 2, 1" estreada en febreiro do 2014. En outros formatos, destacamos pequenos contacontos como "Contos de Lobo" ou "Prinssessass". Teatro de rúa como "Contos para Escagarriñarse" ou "A queima da bruxa" e traballos como "O país dos Mandóns", unha pequeniña obra teatral encargada pola editorial Embora e a Deputación da Coruña para o programa de "Educar en Igualdade". Ghazafelhos componse de: Jorge Casas, Montse Piñón e Pepablo Patinho
Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colaboran: CPS de San Valentín e Agadic (Programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia)
Love está no aire
É un espectáculo do humorista e actor David Amor. O pontevedrés, coñecido por ter as mans máis grandes, fala dos seus novos intereses sen pasar por alto unha das súas últimas paixóns: os aeroportos.
David pensaba que non podía escribir un novo espectáculo se pasaba todo o día vendo a televisión... Ou si? Deuse conta de que hai programas de televisión dos que simplemente hai que falar.
Pero o espectáculo tamén nace da necesidade. Despois de gañar o Premio do Público no Festival Internacional de Teatro de Villanueva de la Serena, o premio consistía en volver para representar un novo espectáculo na edición do ano seguinte. Así xurdiu *Love está no aire, unha viaxe de 80 minutos pola programación televisiva sen tocar nunca o mando, onde tamén descubrirás por que a xente ten sede no aeroporto ou por que David nunca poderá ser Rafa Nadal.
O actor, cómico e presentador galego David Amor iniciou a súa carreira en 2001 na TVG co programa *O Rei da Comedia*. Desde entón, desenvolveu unha traxectoria polifacética que combina a comedia, a televisión e o teatro. Acadou recoñecemento a nivel nacional grazas ás súas intervencións en El Club del Chiste e El Club de la Comedia, o que o levou a percorrer teatros de toda España cos seus monólogos. Tamén participou en series como Gym Tony e Aquí Paz y Después Gloria. Presentou o seu propio programa nocturno na TVG, Con Amor e Compañía, e participou no espazo Tu Cara Me Suena. En 2025, uniuse ao elenco de MasterChef Celebrity.
No eido teatral, obtivo un grande éxito coa comedia Amigos ata a morte, que se converteu na obra de maior recadación en Galicia. Máis recentemente, protagonizou Go Home, unha comedia negra que ofrece unha crítica social sobre o turismo de masas e a xentrificación, escrita por José Prieto e dirixida por Tito Asorey. A obra, que foi candidata aos premios María Casares, representouse en teatros de toda Galicia. Continúa activo no mundo do monólogo e actualmente está de xira por España co seu espectáculo en solitario, *Love Está En El Aire*.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colabora: Deputación da Coruña (Rede Cultural)
No Cómbaro
O grupo de Música Tradicional No Cómbaro fórmase no ano 2002 en As Pontes (Coruña). Aínda que é unha longa historia todo empeza co afundimento do Prestige. A formación surxe ao abeiro da Escola de Música Tradicional das Pontes, onde se formaban os seus compoñentes dos comezos.
A primeira formación, como quinteto tradicional, foi a elexida para ver a luz e comezar unha andaina que xa supera os vintedóus anos. Ao longo do tempo foi evolucionando e adaptándose a novas tendencias con algúns cambios con respecto a súa creación. Agora na actualidade teñen dúas formacións: unha con gaitas e percusión destinada ás Alboradas, Pasarrúas, Foliadas, Seráns e tamén algún Festival da contorna. E outra con gaita, acordeón, percusión e voces, adicada ao Canto Tradicional, esta con moita presenza nos Cantos de Taberna.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colaboran: ACRD Liga de Amigos de Barallobre e Deputación da Coruña (Rede Cultural)



