Novas

26-12-2023

As bailarinas de Gloria López recalan na Casa da Cultura de Fene

Este venres, 29 de decembro, ás 12.30 horas, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Mujeres envueltas en poesía”, de Gloria López. Trátase dunha mostra de pintura na que as protagonistas son as “bailarinas”, personaxes que sempre chamaron a atención da artista “pola súa beleza, dificultade e sacrificio”. A exposición complétase cunha serie de poemas, inspirados nas pinturas. “Mujeres envueltas en poesía” permanecerá na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura até o vindeiro 30 de xaneiro. Poderá visitarse ao longo do Nadal en horario de mañá, de luns a venres (agás festivos), de 10.00 a 14.15 horas. E, a partir do 8 de xaneiro, o horario será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
22-12-2023

O martes 26 de decembro Fantoches Baj contará “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” na Casa da Cultura

Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público, conta a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido fiando diferentes historias que aprendeu dos habitantes que atopou polo camiño. Con este punto de partida, Fantoches Baj relatará en Fene “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” o vindeiro martes, 26 de decembro, ás 12 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Sesión dirixida ao público familiar (recomendada para maiores de 5 anos). A entrada será libre e de balde, sen reserva, até completar aforo. Actividade incluída no programa “Nadal en Rede”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
21-12-2023

Horario da Casa da Cultura de Fene durante o Nadal

Do venres 22 de decembro ao domingo 7 de xaneiro cambia o horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura de Fene. Así, desde mañá, a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e sala de exposicións temporais da Casa da Cultura abrirán unicamente en horario matutino, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, durante as festas, as instalacións permanecerán pechadas os sábados, domingos e festivos (23, 24, 25, 30, 31 de decembro, 1, 6 e 7 de xaneiro).
14-12-2023

XXI Festival de Panxoliñas Concello de Fene no CCRD de Perlío

Terá lugar este sábado, 16 de decembro, ás 20.00 horas, nas instalacións do Casino de Perlío. Contará coa participación da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica O Pote de Maniños, Tradicoro, Rondalla Estrelecer e Rondalla Perla del Río. Entrada libre e de balde, sen reserva previa.
13-12-2023

Contos e cantos con Vero Rilo e Luís Iglesias este venres na Casa da Cultura

“Cacho animalada” é o espectáculo de narración oral que este venres, ás 18 horas, presentan na Casa da Cultura Vero Rilo e Luís Iglesias. A función vai dirixida a público infantil e familiar, con entrada libre e de balde ate completar o aforo. En “Cacho animalada” a narradora Vero Rilo acompáñase desta vez da guitarra, da voz (e outros trebellos) do multifacético Luis Iglesias. Xuntos aventúranse nun camiño diverso, transitado por contos da nosa tradición oral, versións libres e revisitadas dos Contos de Fadas de Ángela Carter, contos de autoría que xa son clásicos da literatura e álbum ilustrado infantil… Todo o repertorio vai da man da música, da alegría, dos animais e, por que non?, de certas animaladas…
11-12-2023

A segunda conferencia do ciclo Contando Ciencia xirará este xoves en torno á “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”

A doutora en Medicina Inés Sánchez Sellero é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, que leva por título “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”, terá lugar este xoves, 14 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
11-12-2023

O espectáculo “Cucú, musical para bebés” inaugura este xoves a programación cultural de Nadal

Ás 16 horas deste luns 11 de decembro abre o prazo para apuntarse ao espectáculo “Cucú, musical para bebés” que María Faltri e Jorge Juan presentarán o xoves 14 de decembro, ás 18 horas, na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé. A función está dirixida a nenos/as de ata 4 anos e o aforo é limitado. Inscricións na propia biblioteca ou por teléfono (981 34 23 02) do 11 ao 13 de decembro en horario de apertura da instalación, de 16.00 a 21.00 horas.
04-12-2023

Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

Tralo acendido das luces de Nadal e logo do anuncio dunha nova Festa de Fin de Ano, o Concello de Fene desvela hoxe as principais citas culturais para as festas que comezan nuns días. Cinco espectáculos para público infantil ou familiar, a visita do Apalpador aos centros de ensino de Infantil e Primaria ou o Festival de Panxoliñas, son algúns dos atractivos dun programa ao que porá o colofón, como é tradicional, a Cabalgata e a recepción real das SSMM Os Reis Magos de Oriente. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse do 18 ao 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal). O aforo é moi limitado e a inscrición realizarase por orde de solicitude. Por outro lado, desde a Concellería de Cultura tamén avanzan que, do 18 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro de 2024 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
13-11-2023

A conferencia do doutor en Física Héctor Álvarez Pol inaugura este xoves a terceira edición de Contando Ciencia

Co relatorio “Do corazón da materia ao interior das estrelas”, a cargo do doutor en Física Héctor Álvarez Pol, comeza este xoves, 16 de novembro, unha nova edición do ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O programa botou andar hai dous anos e retoma agora a súa actividade “co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía”. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
08-11-2023

Airiños de Fene homenaxea este sábado a Pancho Álvarez na súa tradicional Xuntanza de Gaiteiros

A Sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, 11 de novembro, ás 20.00 horas a XXXV Xuntanza de Gaiteiros/as, actividade que Airiños de Fene organiza todos os anos desde 1988. Neste encontro, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Na Xuntanza deste ano, a banda de gaitas fenesa homenaxeará a Pancho Álvarez.