Fene, en prealerta por escaseza de auga

Fene, en prealerta por escaseza de auga

 
Fene é un dos 75 concellos en prealerta pola Xunta de Galicia ante a escaseza de auga. Este escenario de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados, así como das posibles incidencias. Dende o Concello de Fene interveuse sobre a xestión municipal da auga para minimizar os gastos non esenciais, pero precisamos da colaboración e concienciación da cidadanía no consumo responsable da auga.
 
É doado se seguimos os seguintes consellos. Cada gota conta:
 
 
No baño e coidado persoal
 
Pecha a billa mentres te lavas os dentes, te afeitas ou te enxaboas as mans.
Dúchate no canto de bañarte e intenta que o tempo sexa curto.
Revisa as fugas das billas e das cisternas; un asubío ou pingueira constante supón unha gran perda de litros.
 
Na cociña e limpeza
 
Enche o lavalouzas e a lavadora completamente antes de poñelos en marcha e usa programas económicos.
Lava froitas e verduras nun recipiente con auga no canto de facelo baixo a billa aberta.
Non tires lixo ao inodoro (nin toalliñas nin bastonetes), xa que ademais de contaminar, non se deben eliminar así.
Tampouco empregues auga corrente para desconxelar alimentos. Sácaos do conxelador o día anterior, recorda a recomendación de que o desconxelado, canto máis lento, mellor para o produto.
Gardar unha botella de auga fría na neveira evita ter que deixar correr un pouco de auga cada vez que queremos auga fresca da billa.
 
No xardín e exteriores
 
Para o teu xardín emprega plantas autóctonas, determinadas especies precisan ser constantemente regadas, mentres que outras sobreviven con moito menos coidado.
Rega nas horas de menos calor (á mañá cedo ou ao solpor) para evitar que a auga se evapore axiña.
Usa a vasoira para limpar beirarrúas e patios no canto de empregar a mangueira.
Recolle a auga da choiva mediante depósitos conectados aos canalóns para despois usala no rego.
 
Agradecemos a vosa colaboración.