Programa Axuda no Fogar

Modalidades de acceso ao servizo municipal de axuda no fogar

  1. O acceso será prioritario e directo para persoas ás cales, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne SAF na resolución de PIA, e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos (PAR). Os concellos titulares do servizo procederán a dar de alta as persoas en agarda de acordo coa orde de prelación establecida no PAR, para o cal acceso en tempo real ao dito programa.
  2. As persoas para as que o PIA determine o SAF como recurso principal ou idóneo terán preferencia sobre aquelas ás cales se lles asigne o SAF como respiro do coidador.
  3. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concorrencia en aplicación dun baremo público no que, ademais dos posibles déficits de autonomía, se valoren factores de carácter persoal e socio-familiar, o apoio social, a situación da vivenda e outros que dificulten obxectivamente a normalización social e a calidade de vida.

Contido do servizo

De conformidade coa valoración técnica realizada polos servizos sociais que en cada caso correspondan, poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:

  1. Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio:

    • Asistencia para levantarse e deitarse.

    • Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.

    • Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.

    • Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.

    • Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espazo-temporal.

    • Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia

  2. Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora do contorno das persoas usuarias e da súa familia. Se é o caso, determinadas tarefas domésticas, como lavandaría e alimentación a domicilio, poderán ser facilitadas por servizos específicos.(Servizo de Xantar na Casa).

    • Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.

    • Compra de alimentos e outros produtos de uso común.

    • Preparación dos alimentos.

    • Lavado e coidado das prendas de vestir.

    • Coidados básicos da vivenda.

  3. Acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria, tales como apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou similares, así como o seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.

  4. Para os supostos do Programa de Educación e Apoio Familiar, serán atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, á mellora da convivencia, integración na comunidade e mellora da estrutura familiar.

Unha vez garantido o nivel básico de atención poderá incorporar ademáis os seguintes tipos de actuacións de carácter complementario:

  1. Actividades de acompañamento, socialización, e desenvolvemento de hábitos saudables.

  2. Servizo de préstamo de axudas técnicas ou produtos de apoio para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica ou produto de apoio calquera dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.

  3. Adaptacións funcionais do fogar.

  4. Servizo de podoloxía.

  5. Servizo de fisioterapia.

  6. Terapia ocupacional.

Asinarase un acordo de servizo entre a persoa usuaria e a entidade titular, no cal se recollerá o contido particular das atencións que se prestarán, a programación temporal da prestación, a intensidade horaria e os compromisos de ambas as partes, incluíndo o compromiso de copagamento que corresponda.

Sen prexuízo da execución de todas as tarefas contidas no dito acordo, o conxunto de atencións do SAF terá un carácter de apoio e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu medio inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.

Servizo de Axuda no Fogar no marco do Sistema para a Autonomía Persoal e a Atención á Aependencia (SAAD).

O SAF constitúeo o conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas en situación de dependencia, co fin de atender as necesidades básicas da vida diaria e incrementar a súa autonomía, posibilitando a permanencia no seu domicilio. Os servizos son prestados polo Concello de Fene con persoal propio e a través dunha empresa de Axuda no Fogar autorizada pola Xunta de Galicia, e poderán ser os seguintes:

  1. Servizos relacionados coa atención persoal na realización das actividades da vida diaria.

  2. Servizos relacionados coa atención das necesidades domésticas ou do fogar: limpeza, lavado, cociña ou outros. Estes servizos só poderán prestarse conxuntamente cos sinalados no apartado anterior. (art. 23 da Lei 39/2006 na redacción dada polo RD-Lei 20/2012).

O acceso a SAF será directo para persoas que, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne este recurso no PIA (Programa Individual de Atención).

Intensidade do SAF, segundo o grao de dependencia:

A intensidade do servizo de axuda no fogar determinarase no PIA e establecerase en número de horas mensuais de servizos asistenciais, mediante intervalos en función do grao de dependencia e da súa condición de axuda no fogar intensiva ou non intensiva segundo o seguinte:

Axuda no fogar intensiva: cando é o único recurso aplicado

  • Grao de dependencia III  - Horas de atención: 46-70 h/mes
  • Grao de dependencia II - Horas de atención: 21-45 h/mes
  • Grao de dependencia I - Horas de atención: Máximo 20 h/mes

Axuda no fogar non intensiva: cando se compaxina con outro recurso compatible

  • Grao de dependencia III - Horas de atención: Ata 35 h/mes
  • Grao de dependencia II - Horas de atención: Ata 23 h/mes
  • Grao de dependencia I - Horas de atención: Ata 10 h/mes

Servizo de Axuda no Fogar Básico, no acceso de libre concorrencia

No acceso en libre concorrencia será de aplicación o seguinte:

  1. O procedemento iniciarase a instancia de parte, de conformidade cos principios xerais recollidos na Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións e do procedemento administrativo común e cos baremos que se elaboren en desenvolvemento do estipulado na Orde.
  2. Cando circunstancias debidamente acreditadas no expediente, así o xustifiquen, o procedemento de acceso ao servizo poderá iniciarse de oficio.
  3. As solicitudes dos particulares para acceder ao servizo deberán ser valoradas en todo caso por un traballador/a social dos SS.SS comunitarios do concello que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante informe preceptivo e vinculante, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto.
  4. O órgano competente para ditar a resolución será o/a alcalde/sa, podendo delegar esta competencia de conformidade co disposto no artigo 21.3 da lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local

Dirixido

  1. O SAF estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá a persoas maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como a fogares con menores nos que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
  2. Darase prioridade no acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do SAAD.
  3. A ordenanza municipal reguladora do servizo establece os sistemas de acceso por libre concorrencia ao SAF, en tanto que prestación básica do sistema de servizos sociais.

Custo: copagamento do SAF

Todas as persoas usuarias do servizo participarán no seu copagamento en función da súa capacidade económica de acordo co establecido na Lei de Dependencia e demais normativa.

Áreas
Descargas