Novas

04-10-2019 -

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición no proxecto Indira, grupo de apoio emocional para mulleres

A Concellería de Igualdade do Concello de Fene que dirixe Juana Barro, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha un novo espazo para mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, xa desenvolvido nos anos 2018 e verán de 2019. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.
04-10-2019 -

Xornada formativa sobre a sede electrónica do Concello de Fene

O Concello de Fene organiza unha charla informativa aberta dirixida a cidadanía co obxectivo de dar a coñercer a sede electrónica municipal. A formación, impartida pola axente do programa PEL-Concello Dixital da Deputación da Coruña, terá lugar na aula de formación, situada no departamento de Cultura e Deportes o xoves 17 de outubro ás 11.00 horas.
03-10-2019 -

Arranca o obradoiro de emprego INICIA IV

O Concello de Fene vén de poñer en marcha esta semana o obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil “INICIA IV”. Faino en conxunto con Ares, Mugardos, Neda e Cabanas, pois esta iniciativa formará a 16 alumnos destes concellos (7 de Fene, 3 de Ares, 3 de Mugardos e 3 de Neda).

O alcalde, Gumersindo Galego, acompañado do concelleiro de Promoción Económica e Formación, Juan José Franco, inauguraban a acción formativa e visitaban na nave municipal de San Marcos aos veciños e veciñas participantes neste obradoiro de emprego de “Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial”.
 
03-10-2019 -

O Concello conclúe os traballos de limpeza do río Cádavo para previr inundacións

O Concello de Fene vén de concluír os traballos de limpeza do río Cádavo. Así, o alcalde, Gumersindo Galego, sinalou que a intervención centrouse tanto no cauce como nas beiras do río e, con ela, búscase previr desbordamentos e inundacións, especialmente no vial da rúa da Fraga (Perlío), derivados das intensas choivas do inverno.

Así as cousas, os traballos, que contaron coa pertinente autorización de Augas de Galicia, contemplaron a limpeza das beiras e cauce do río dende o estanque do Concello ata as casas de Astano e precisaron dun investimento cercano aos 11.000 euros procedentes de fondos municipais.
02-10-2019 -

Arrancan os obradoiros +Memoria en Fene

Un total de 40 persoas tomarán parte dende esta semana nos obradoiros “+Memoria” que impulsa a Concellería de Benestar Social que dirixe Tamara Miragaya en colaboración co tecido asociativo. Os talleres desenvolveranse no local social da AVV Limodre (os luns de 18 a 19 horas); CPS de San Valentín (martes de 16,45 a 18,15 horas), e ACDR O Pote de Maniños (mércores de 18,30 a 20 horas).

Os obradoiros, gratuítos e dirixidos a persoas maiores de 55 anos, inclúense no proxecto Envellecemento Activo e buscan manter activa a mente e mellorar a memoria das persoas participantes con esquecementos cotiás mediante dinámicas de ocio e grupais.
02-10-2019 -

As escolas culturais municipais abren hoxe o prazo de inscrición

As Escolas Culturais Municipal abren hoxe a inscrición para o curso 2019/2020, un prazo que se estenderá ata o día 8 do mesmo mes. Os veciños de Fene teñen prioridade á hora de seleccionar as prazas vacantes nas escolas culturais municipais e, por iso, o prazo de inscrición está reservado entre os días 2 e 4 de outubro a residentes na localidade. Os días 7 e 8 de outubro pode formalizar a súa matrícula a poboación en xeral, independentemente do lugar de empadroamento.
01-10-2019 -

O Concello abre o prazo para que os locais de hostalería se apunten no XII Concurso de Tapas

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Juan José Franco, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no XII Concurso de Tapas de Fene. Así, os establecementos de hostalería interesados poden anotarse no Rexistro Xeral do Concello ata o día 16 de outubro (incluído).
Co certame, o Concello busca promover e dinamizar a actividade da hostalería, fomentando a especialización e a mellora da calidade das tapas así como consolidar o tapeo tradicional.
 
01-10-2019 -

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo infantil “Un banquete con moito conto”

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé abre hoxe, 1 de outubro, o prazo de inscrición no espectáculo “Un banquete con moito conto”, de Andamiaxe, dirixido a nenos e nenas de 5 a 8 anos. A actuación terá lugar o mércores 9 de outubro ás 18:30 horas. Dado que as prazas son limitadas, requírese inscrición previa para poder asistir a este banquete de contos no que os comensais serán partícipes da súa elaboración e degustación. Para iso, deberán seguir os pasos esenciais: poñer a mesa, botarlle unha ollada á carta, degustar os “pratos” e, finalmente, pagar a conta. Unha acción moi cotiá pero transformada de maneira creativa en inusual. As ferramentas: mantel de papel, rotuladores, goma eva, lapis… e moita imaxinación!
01-10-2019 -

Sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Amigos de Galicia

 O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, asinou coa Fundación Amigos de Galicia un convenio de colaboración por importe de 7.000 euros. A través do mesmo, a entidade social levará a cabo accións de atención ás persoas en risco de exclusión social do municipio.

A entidade ten entre os seus principais fins cubrir as necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas, ademais de procurar a integración social e laboral das mesmas, co fiel propósito de evitar a súa exclusión social.
30-09-2019 -

Fene entrega os premios do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presidiu o venres pola tarde o acto de entrega dos premios da XXIII edición do Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene. Uns galardóns que recaeron en Asier Sanz Nieto (1º premio Curuxa Gráfica categoría para maiores de 25 anos) e Javier Jareño López Cuervo (1º premio Curuxa Nova de 16 a 25 anos). Así mesmo, Sandra Lodi e Beatriz Rodríguez Gregores eran merecedoras do segundo premio na categoría Gráfica e Nova respectivamente.