Novas

30-10-2019 -

Avelino González trae este xoves ao Museo do Humor os seus Contos de Contrabando

O actor, contador, monologuista e tradutor Avelino González inaugurará este xoves 31 de outubro o ciclo “Novembro, Mes do Humor” que organiza a Concellería de Cultura fenesa co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. A partir das 20 horas, Avelino González traerá ao Museo do Humor os seus Contos de Contrabando.
29-10-2019 -

A exposición do 27º certame Galicia en Foco. O Fotoxornalismo Galego poderá visitarse en Fene ata o 29 de novembro

O público poderá visitar no salón de plenos da Casa da Concello de Fene a exposición do 27º certame de fotografía "Galicia en Foco. O Fotoxornalismo Galego", que convoca o Club de Prensa de Ferrol. Onte á tarde o alcalde, Gumersindo Galego, presidía o acto de inauguración, xunto á presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz; a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e o directivo Xoán Rubia. Así as cousas, a mostra permanecerá en Fene ata o 29 de novembro, en horario de luns a venres, de 10 a 14,30 horas.
29-10-2019 -

O alcalde de Fene amosa o seu apoio ao comité de empresa de Reganosa

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, xunto á voceira do grupo municipal socialista, Mar Piñeiro, e de IU-EU, Maricarmen Martínez, mantiveron esta mañá na casa consistorial unha reunión con representantes do comité de empresa de Reganosa encabezada polo seu presidente, Emilio López. A instancias destes, na xuntanza, os traballadores querían, como fixeran previamente en Mugardos, Narón e Ferrol, dar a coñecer o funcionamento, procesos e operativa da planta, reivindicando eses 130 postos de emprego directos que xenera, 20/30 de emprego externo e máis de douscentos indirectos.
29-10-2019 -

O Concello de Fene volve apostar polos obradoiros de risoterapia da man do proxecto Licenza para rir

A Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa vén de reeditar os obradoiros de risoterapia “Licenza para rir”. Un proxecto que regresa para continuar descubrindo e valorando as potencialidades terapéuticas e curativas da risa.

Dende outubro e ata finais de maio, celébranse sesións semanais, todos os martes, de 18,30 a 20 horas no Museo do Humor-Casa da Cultura e aínda queda algunha praza libre. Así, as persoas maiores de 16 anos interesadas en tomar parte poden formalizar a súa matrícula nas dependencias administrativas do pavillón municipal de A Xunqueira, en San Valentín.
28-10-2019 -

Ampliación de horarios e servizo especial de transporte ao cemiterio municipal no Día de Todos os Santos e Día de Defuntos

O transporte especial realizarase o 31 de outubro e 1 e 2 de novembro

Con motivo do Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos, o Concello de Fene informa da ampliación de horarios do cemiterio municipal, así como da posta en marcha dun servizo de transporte especial. En primeiro lugar, o camposanto permanecerá aberto o venres 1 de novembro de 8 a 22 horas e o sábado 2 de novembro de 9 a 20 horas, de forma ininterrompida. Así mesmo, o venres día 1, infórmase que se oficiará unha misa ás 17 horas na capela sita no interior do recinto.

Na mesma liña, o servizo de transporte especial realizarase conforme ás seguintes datas e horarios: o xoves, 31 de outubro, en horario de tarde, e o o venres 1 de novembro, e sábado día 2, de mañá e de tarde. No horario de mañá, a saída está prevista do cuartel da Garda Civil ás 10 horas e o regreso estímase ás 12 horas. No horario de tarde, a saída, do mesmo punto, será ás 16 horas e o regreso ás 18 horas.
28-10-2019 -

Visita do alumnado do CPI Cruz do Sar de Bergondo ao Museo do Humor de Fene

Alumnos e alumnas de segundo curso da ESO do CPI Cruz do Sar de Bergondo desprazáronse a semana pasada a Fene para participar nunha visita guiada ao Museo do Humor e achegarse á exposición Premios Curuxa 2019. A iniciativa enmarcouse no programa de visitas guiadas que ofrece o Concello de Fene para grupos escolares, asociacións ou colectivos.
25-10-2019 -

Avelino González, Manquiña, A Patacón, Quico Cadaval e Pepo Suevos, no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor”

Todas as funcións terán lugar no Museo do Humor, con entrada de balde previa retirada de convite o mesmo día do espectáculo

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a posta en marcha do ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor". Un ciclo no que tomarán a palabra os cómicos e humoristas Avelino González, Manquiña, A Patacón, Quico Cadaval e Pepo Suevos e que se celebrará o último xoves de outubro (día 31) e todos os venres do mes de novembro no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite (o mesmo día do espectáculo). As funcións desenvolveranse a partir das 20 horas e están dirixidas a un público adulto.
25-10-2019 -

Fene acollerá a exposición do 27º certame Galicia en Foco. O Fotoxornalismo Galego

O salón de plenos da Casa da Concello de Fene acollerá, a partir do próximo luns 28 de outubro, a exposición do 27º certame de fotografía "Galicia en Foco. O Fotoxornalismo Galego", que convoca o Club de Prensa de Ferrol. O acto de inauguración, que presidirá o alcalde, Gumersindo Galego, está previsto para as 19 horas, e a el está convidada toda a veciñanza. No mesmo, tomarán parte a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa; a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz, e o directivo Xoán Rubia. A partir de aí, a mostra poderá visitarse ata o 29 de novembro en horario de luns a venres, de 10 a 14,30 horas.
 
24-10-2019 -

Últimos días para anotarse no Proxecto INDIRA

A Concellería de Igualdade do Concello deFene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, informa de que o vindeiro 6 de novembro comeza o novo Proxecto INDIRA, un espazo para mulleres. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.
23-10-2019 -

Fene celebra este xoves o Día Internacional da Biblioteca promovendo a lectura coa función “Maxia e libriños con Leo Leíño”

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé acolle mañá, 24 de outubro, o espectáculo “Maxia e Libros de Leo Leíño”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos. A actuación terá lugar ás 18,00 horas e fai un percorrido, a través da maxia e dos contos, por historias incribles que farán descubrir aos participantes o universo sen límites que se agocha dentro dos libros.