Novas

23-04-2024 -

Formación especializada en Alzheimer e Demencias

A Casa da Cultura de Fene acollerá os días 7 e 9 de maio un curso sobre Formación especializada en Alzheimer e Demencias. 
23-04-2024 -

Nova xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do escritor mugardés Pablo J. Rañales

Sobre o libro Os afogados (Premio Illa Nova de Narrativa 2023), de Pablo J. Rañales, xirará este mércores unha nova sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18.00 a 19.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.
23-04-2024 -

Últimos días para visitar na Casa da Cultura a exposición da escola de cerámica da asociación Cerámica e Máis de Fene

O vindeiro luns, 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do alumnado da escola de cerámica que dirixe en Fene Carme Romero, no seo da asociación Cerámica e máis. Ao longo desta semana a mostra aínda pode visitarse na Casa da Cultura de Fene en horario: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas. “Pezas de cerámica realizadas ao xeito tradicional pero cunha visión actual” forman esta colección coa que nos mergullamos, en palabras de Carme Romero “na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea; barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”.
22-04-2024 -

A cofradía de Barallobre promociona os productos da ría en distintas feiras internacionais de alimentación

A confraría de pescadores “Santiago Apóstol”de Barallobre seguindo coa súa liña de traballo de posta en valor e promoción dos produtos da ría, estará presente hoxe 22 de Abril na Feira Gourmets que se celebrará en Ifema en Madrid e os días 23 e 24 de abril na na Feira Gourmets que se celebra en Barcelona.

A Confraría de Barallobre, que se atopa na celebración dos seus 100 anos de vida, no seu camiño de seguir facendo historia, está a facer unha aposta decidida en promocionar e poñer en valor non soamente os produtos da Ría, senón tamén ensinar e mostrar o gran traballo que desenvolven as persoas do mar que se dedican ás distintas artes do marisqueo, comprometéndose coa recuperación e mantemento das áreas de traballo, buscando solucións ás distintas problemáticas polas que atravesa o sector, co obxectivo de que siga sendo un motor económico na zona.

A asistencia e participación nestes eventos está enmarcada dentro do programa de actividades e eventos que a confraría ten deseñado para este ano, en colaboración e co financiamento por parte do Grupo de Acción Local Pesqueiro GOLFO ARTABRO NORTE e a Consellería do Mar.
 
22-04-2024 -

O informático e autor de Microsiervos, Javier Pedreira “Wicho”, pecha este xoves o ciclo Contando Ciencia

Os valores de casa para andar pola rede é o tema da derradeira charla de Contando Ciencia. O ciclo que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae esta semana a Fene ao informático e autor de Microsiervos, Javier Pedreira, máis coñecido coma Wicho. A conferencia terá lugar este xoves, 25 de abril, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
19-04-2024 -

Encontro coa hostalería de Fene para organizar o XIV Concurso de Tapas

 O Concello de Fene vén de iniciar os preparativos para a celebración do XIV Concurso de Tapas, que terá lugar nas próximas semanas. O certame, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo, ten por obxectivo dinamizar o sector da hostalería cun evento que premia o sabor, a calidade e a aparencia dos petiscos.
A hostalería fenesa está chamada a participar nun encontro que decorrerá o próximo martes -23 de abril- ás 16h no Salón de Plenos da Casa do Concello de Fene, no que se pecharán as datas concretas do concurso e tamén outras cuestións relativas á organización do mesmo.
18-04-2024 -

Revolution Xuventude

18-04-2024 -

A Biblioteca Municipal de Fene conmemorará o vindeiro martes o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio”, festexará a biblioteca de Fene o Día do Libro, o vindeiro martes 23 de abril, ás 18 horas (entrada libre e de balde até completar o aforo). Trátase dunha función de maxia clásica adaptada aos nosos tempos, con aparicións e desaparicións, levitacións imposibles e maxia interactiva na que o público será o grande protagonista.
17-04-2024 -

O Fondo Galego pon en marcha en Fene o obradoiro “Todos os ODS son locais” para implementar a Axenda 2030

O concello de Fene impulsará a implementación da Axenda 2030 no eido local a través do obradoiro ‘Todos os ODS son locais’, facilitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’.
A formación terá lugar o día 25 de abril de 10.00 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Avda Fene.
A actividade esta dirixida a persoal político e técnico dos municipios, tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes, ANPA, etc. As administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.
O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. As e os asistentes recibirán mesmo unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.
16-04-2024 -

Xurxo Lobato presenta o seu libro “Rostros de la memoria. Ferrol 1972” en Fene 

A Casa da Cultura de Fene acolle o xoves 18 de abril a presentación do libro Rostros da Memoria Ferrol 1972. Será ás 19.00 h, nun acto no que contaremos coa presenza do autor Xurxo Lobato; o alcalde de Fene, Juventino Trigo e Susana Alaniz, presidenta da Asociación Cultural Fuco Buxán. No acto; aberto á cidadanía até completar aforo; o autor conversará sobre o libro, protagonizado por trinta persoas fotografadas en branco e negro, que sufriron a represión franquista polas loitas obreiras de Ferrol de 1972. Actividade organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán coa colaboración do Concello.