Que está pasando
Dende onte e até o 9 de outubro a oficina de turismo de Fene, coa cofinanciación da Deputación da Coruña, atenderá a visitantes e veciñanza, en horario de mañá e tarde.
A oficina emprazada na Avenida Naturais abrirá no seguinte horario: 8.30 a 14.00h polas mañás e de 15.30 a 17.00h. polas tardes, de luns a venres.
Será unha técnica especializada, quen atenderá as consultas -ademais de desenvolver outros proxectos municipais relacionados con este ámbito- durante catro meses.
Proxectos como o do pasado día 10 de xuño no Concello de Abegondo co gallo da celebración da Primavera no Camiño Inglés no que o Concello de Fene estivo presente cun stand informativo e coa actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.
O peirao de Barallobre acollerá este sábado 3 de setembro unha nova edición da Festa Mariñeira, a primeira tralo parón provocado pola situación de pandemia. A programación do evento deuse a coñecer oficialmente na tarde do mércores, nunha xuntanza final de organización á que asistiron representantes municipais e tamén as sete entidades participantes: a SCRD Agarimo de Sillobre, a ACRD O Pote de Maniños, AETNA, a Cultural Maniños SD, a ACDR Liga de Amigos de Barallobre, a AVV San Xurxo de Magalofes e a AVV Santa Eulalia de Limodre. A partir das 12:00h poderán mercarse os tíckets para degustar até 22 especialidades entre as que elixir, con distintos sabores e prezos. Ademais tamén haberá actuacións musicais, xogos infantís, artesanía e un espectacular simulacro de salvamento marítimo cuxa organización correu por conta da Policía Local de Fene, con supervisión do axente Daniel Martínez. A nota negativa da xornada será que este ano a Confraría de Barallobre non participará na festa, despois de negarse a subministrar o marisco colleitado polos seus asociados a menos que a organización lle mercase todo o produto para os menús, incluído o conxelado e o que non se extrae na ría. Unha postura cualificada polas entidades como "chantaxe" que levou á organización a buscar outros provedores locais.
Cun concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre comezará o venres 1 de xullo o ciclo “Xullo, mes da Patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. O ciclo incluirá un monólogo con Pepo Suevos (7 de xullo), festa infantil (8 de xullo), o tradicional Festival de Habaneras e Canto Coral (12 de xullo), pasacalles con Trópico de Grelos + Afro Axé (13 de xullo) e os concertos de Blues do País – Sindicato da Verbena (14 de xullo), Ruxe Ruxe (21 de xullo) e Boyanka Kostova (22 de xullo). O programa concluirá o sábado 23 de xullo coa lectura da declaración institucional polo Día da Patria Galega, a cargo da escritora Ánxela Loureiro.