O alcalde de Fene amosa o seu apoio ao comité de empresa de Reganosa

O alcalde de Fene amosa o seu apoio ao comité de empresa de Reganosa

Xunto ás voceiras de PSOE e EU, mantivo esta mañá unha xuntanza cos representantes dos traballadores na casa consistorial

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, xunto á voceira do grupo municipal socialista, Mar Piñeiro, e de IU-EU, Maricarmen Martínez, mantiveron esta mañá na casa consistorial unha reunión con representantes do comité de empresa de Reganosa encabezada polo seu presidente, Emilio López. A instancias destes, na xuntanza, os traballadores querían, como fixeran previamente en Mugardos, Narón e Ferrol, dar a coñecer o funcionamento, procesos e operativa da planta, reivindicando eses 130 postos de emprego directos que xenera, 20/30 de emprego externo e máis de douscentos indirectos.


Unha situación que cren necesaria tras a sentenza do Tribunal Supremo na que se sinala a necesidade de tramitación do estudo de impacto ambiental, fase na que se atopa. Para o alcalde, Gumersindo Galego, á vista da mesma queda acreditado a inexistencia de ilegalidade nin ameaza de cese da súa actividade. En todo caso, comprende a preocupación entre o comité de empresa pola aparición de certas informacións cando menos non exactas que se están a dar sobre a actividade da empresa e que consideran poden perxudicar os seus postos de traballo.


Nesta liña, brindoulles aos traballadores a súa plena colaboración e respaldo. Mostrou o seu apoio á continuidade da empresa en defensa do emprego e o desenvolvemento industrial da comarca, xa que Reganosa é hoxe en día un foco de atracción doutras inversións.