O Concello de Fene abre o prazo de inscrición no proxecto Indira, grupo de apoio emocional para mulleres

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición no proxecto Indira, grupo de apoio emocional para mulleres

Impulsado pola Concellería de Igualdade, poden participar as mulleres de Fene e bisbarra con ganas de compartir e crear espazos de sororidade

A Concellería de Igualdade do Concello de Fene que dirixe Juana Barro, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha un novo espazo para mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, xa desenvolvido nos anos 2018 e verán de 2019. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.


Poden participar as mulleres de Fene e bisbarra, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “SORORIDAD” (solidaridade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente. Para iso, deben anotarse no Servizo Municipal de Atención á Muller ben persoalmente, por teléfono ou por correo electrónico (Av. do Mar Bloque 1, baixo – San Valentín; 981342607-981792706 ou smam@fene.gal). O prazo abrirase este luns día 7 e pecharase o 31 de outubro para o grupo inicial, permanecendo aberto posteriormente até o 30 de decembro de 2019.


“Proxecto Indira” é un espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. É unha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar.
Preténdese facilitar un espazo para mulleres a través de encontros semanais, no que abordar diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e saúde en todas as súas dimensións.


Traballarase para promover o autocoñecemento e o autocoidado, desenvolver a consciencia corporal, conectar as vivencias, fortalecer a consciencia como persoas de dereito e respecto, empoderar as dimensións da persoa: mental, física e emocional, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado e poñer en práctica ferramentas que permitan unha mellor xestión das emocións.
O grupo será guiado por unha psicoterapeuta familiar, con formación en Igualdade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención

Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento, Sexualidade e Relacións Sociais en Terapia do Reencontro, con ampla experiencia no traballo con grupos de mulleres e cun estilo profesional próximo nas relacións persoais.
A coordinación do Proxecto INDIRA está a cargo da psicóloga municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade do Concello de Fene.


A actividade comezará cunha primeira sesión informativa e de presentación o día 6 de novembro de 2019 ás 10,30 h no Centro Municipal de Servizos Sociais. O programa desenvolverase os mércores en horario de mañá, en sesións de 2 horas de duración, de 10,30 h a 12,30 h (podería modificarse segundo preferencia e dispoñibilidade do grupo que se forme). Nesta primeira reunión explicarase máis detalladamente a dinámica da actividade, os temas a tratar e a traballar e conformarase o grupo ou grupos, dependendo do número de mulleres participantes.