Novas

08-03-2023

San Valentín acolle este sábado o Campionato de Galicia Junior de Judo

Cento cincuenta e catro judokas de 27 clubs de toda Galicia tomarán parte este sábado no Campionato Galego Junior de Judo que organiza a Federación Galega de Judo e D.A. coa colaboración da AD Judo Ferrolterra, Artes Marciais Fene e Concello de Fene. O certame desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 19.30 horas, aínda que o mesmo día en horario de mañá (só para os/as participantes) realizarase a pesaxe, de 13.00 a 14.00 horas. Dende a Concellería de Deportes anímase á veciñanza a asistir como público a este campionato no que se enfrontarán os/as mellores judokas junior de Galicia. A entrega de medallas realizarase ao redor das 19.00 horas.
14-02-2023

San Valentín acolle este domingo o X Trofeo de Baile Deportivo “Concello de Fene”

Un total de 170 deportistas tomarán parte esta fin de semana na décima edición do Trofeo de Baile Deportivo “Concello de Fene”. Parellas e grupos procedentes de toda Galicia competirán nesta proba, válida para o ranking nacional, que comezará o domingo ás 10.00 horas no pavillón da Xunqueira e que se desenvolverá durante toda a xornada. A entrada custa 8 € aínda que os/as menores de 12 anos poderán acceder ao recinto de balde. 
08-02-2023

Artes Marciais Fene organiza, coa colaboración da AD Judo Ferrolterra e do Concello, unha fin de semana adicada ao judo en Fene

O pavillón da Xunqueira de San Valentín acolle este sábado a xornada “Deporte en idade escolar -Xogade”, da Xunta de Galicia, evento no que tomarán parte ao redor de douscentos judokas de distintos clubes das comarcas de Ferrolterra, Lugo e Santiago. 
Tamen este sábado terá lugar en San Valentín a Liga Galicia Rías Altas de judo, na que tomarán parte clubes de Ferrolterra, Coruña, Arteixo, Bergantiños, Santiago, Lugo, A Estrada e Cambre, entroutros. A competición comenzará as 15:30h coa recepción e pesaxe de judokas
 
03-02-2023

En marcha os traballos de reparación e acondicionamento da cuberta do pavillón da Xunqueira

A Concellería de Deportes investirá 33.000 no amaño da cuberta do pavillón de San Valentín co obxectivo de poñer fin ás filtracións de auga que estaban a deteriorar a pista e que, á súa vez, podían supoñer un perigo para os usuarios e usuarias da instalación. As tarefas, contratadas á empresa Instalaciones Deportivas Gallegas S.L. e executadas por Alumatic Norte, consisten no cambio de parafusos desgastados e na suxeición das pranchas da cuberta, así como no cambio dalgunhas delas nas zonas máis deterioradas. (aproximadamente 40 metros cadrados). Os traballos comezaron a pasada semana, coincidindo coa melloría do tempo.
19-12-2022

Abre o prazo de inscrición para o Campa Nadal e para a actividade de patinaxe para persoas adultas e rapazada

Do 19 ao 23 de decembro está aberto o prazo para anotarse no programa de conciliación e deporte Campa Nadal e na actividade de patinaxe para adultos e rapaces/as, que se desenvolverán do 2 ao 5 de xaneiro no pavillón da Xunqueira de San Valentín. As inscricións realízanse no propio pavillón en horario de 9:30 a 13:30h. Máis información nos teléfonos 981 492 804 e 981 340 366.
12-12-2022

Moita actividade cultural durante o Nadal... pero tamén deportiva

Hai uns días, a Concellaría de Cultura do Concello de Fene publicou o amplo programa que vai desenvolver até a chegada dos Reis Magos de Oriente. Porén, a Concellaría de Deportes tamén concentra nestas datas un bo número de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. O ciclo de Nadal botará a andar a vindeira fin de semana coa Gala de Nadal - Exhibición de ximnasia artística do Club Ximnasia Ferrolterra, o sábado 17 de decembro ás 17 horas no pavillón da Xunqueira, e cunha segunda gala de Nadal -Exhibición de patinaxe artística do CPA Inercia, o domingo 18 a partir das 12.00 horas na mesma instalación deportiva. Námbolos dous casos, a entrada será libre e de balde aínda que se convida aos/ás asistentes a colaborar na recollida de alimentos non perecedoiros que promoven as entidades organizadoras.
07-12-2022

Case 800 deportistas tomarán a saída este domingo no XXXVI Memorial Adolfo Ros

Todo listo para unha nova edición do Memorial Adolfo Ros, a principal carreira popular do calendario comarcal que percorrerá os concellos da ría na mañá deste domingo 11 de decembro. Ao peche das inscricións, a Federación Galega de Athletismo contabilizou 782 deportistas nos oito apartados que terá a proba, a maioría delas para a distancia absoluta de 21 quilómetros. Este ano a organización recaeu no Concello de Fene, quen, en colaboración con Ferrol, Narón e Neda, ten preparado un amplo dispositivo para que esta auténtica festa do deporte sexa, de novo, todo un éxito.
01-12-2022

Abre o prazo de preinscrición para a Campaña da Neve da Deputación da Coruña

Sete nenos ou nenas de Fene poderán gozar este ano da experiencia de participar na “Campaña Neve” da Deputación da Coruña. O programa, dirixido a rapaces/a de 11 a 15 anos (inclusive), sufragará boa parte dos custes que supón a viaxe, estadía, manutención e actividades na estación de montaña Valgrande-Pajares (Asturias) dende o 13.01.2023 ao 16.01.2023. A cota de participación que corresponde ás familias ascende a 85 euros por persoa. Dende o xoves 1 até o venres 16 de decembro está aberto o prazo para facer as preinscricións dos nenos/as no Departamento de Cultura e Deportes de Fene (Avda. Naturais 44, entresollado), de luns a venres en horario de 09.00 a 13.30 horas.
13-10-2022

A cuarta “Andaina por Fene” percorrerá a parroquia de Magalofes o sábado 22 de outubro

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Magalofes que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Magalofes para o sábado 22 de outubro, a partir das 11.00 horas (agrupamento ás 10.45 horas). A andaina comezará no local da entidade para continuar por Picas, Punxeiro, Fontenova, Muíño do Redondo e Igrexa, e volta ao punto de saída tras percorrer uns 5 quilómetros de dificultade baixa e cunha duración aproximada de 2 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 21 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 630 994 459.
30-09-2022

As Andainas por Fene percorrerán Maniños o venres 7 de outubro

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Maniños que organizan a Concellería de Deportes e a SCRD O Pote para o venres, 7 de outubro, a partir das 17.30 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá O Conde, Boado, O Seixo, Peirao do Seixo e a praia de Maniños, para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 6 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de dúas horas e media. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 7 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 609 435 941.