Novas

15-06-2022

Exhibición das Escolas Deportivas Municipais este venres no pavillón da Xunqueira

O pavillón da Xunqueira, en San Valentín, albergará o venres, 17 de xuño, a Exhibición de Escolas Deportivas Municipais. Unha cita que comezará ás 17 horas e na que tomarán parte os nen@s e moz@s que, ao longo do curso, asistiron ás actividades deportivas do Concello.

Así, o público asistente poderá seguir as exhibicións do alumnado das clases de judo, kárate, ximnasia rítmica, atletismo, pequedeporte, baloncesto, patinaxe e baile moderno. 
13-06-2022

Fin de curso nas escolas municipais de piscina

A Concellería de Deportes organiza unha festa acuática para despedir o curso nas escolas municipais de piscina.
Será o vindeiro sábado, 18 de xuño, nas instalacións de Centieiras e poderá asistir o alumnado das escolas municipais matriculado no mes de maio en natación para bebés, 1ª infancia ou natación infantil (iniciación e perfeccionamento).
Haberá inchables acuáticos e multitude de xogos para todos os participantes.
A xornada desenvolverase atendendo ao seguinte cronograma:
De 10.00 a 11.00 horas será a festa para BEBÉS que, nesta ocasión, poderán estar
acompañados de dúas persoas adultas.
De 11.00 a 12.00 horas será a festa para o alumnado de 1ª INFANCIA, acompañados
dunha persoa adulta.
De 12.00 a 13.00 horas, será a festa para o alumnado de natación INFANTIL que
deberá acceder á piscina sen acompañante.
10-06-2022

Deporte na rúa, submarinismo, caiac, paddle-Surf, ximnasia de mantemento e o campamento no CMI Unidade de Fene engádense á oferta lúdica municipal para o verán

O Concello de Fene desenvolverá ao longo do mese de xullo o campus lingüístico e de conciliación "Verán máis alá", que ten aberto estes días o prazo de matriculación. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas. Así, o próximo 3 de xullo volve o Día do Deporte na Rúa e desde principios de mes e ata mediados de agosto poderemos gozar das augas de Almieiras navegando en caiac ou practicando paddle surf. A auga terá un protagonismo especial nas propostas municipais de lecer, xa que o domingo 26 de xuño celebrarase unha proba do circuito galego de fotografía subacuática e tan só uns días despois, o sábado 9 e o domingo 10 de xullo, organízanse dúas sesións de iniciación ao submarinismo para rapazada e persoas adultas. Durante os dous meses centrais do verán tamén teremos ximnasia de mantemento ao aire libre no paseo marítimo de San Valentín e o Concello e o CMI Unidade de Fene volven colaborar levando adiante nos primeiros días de agosto o campamento lúdico e deportivo, que terá lugar nas instalacións da entidade ofertando 40 prazas. Para anotarse nestas actividades -agás para a ximnasia, que non o require e será de balde- hai que pasar polo Departamento de Deportes entre o 13 de xuño e o 6 de xullo.
04-06-2022

Exposición de fotografía submarina no pavillón da Xunqueira

“Unha ollada ás profundidades”, é o título da exposición de Fotosub que se amosa dende hoxe no pavillón da Xunqueira, en San Valentín. A mostra, na que se poden “ver e admirar especies atutóctonas das nosas rías”, recolle unha colección de fotografías realizadas en distintos puntos da xeografía galega por fotógrafos pertencentes á Federación Galega de actividades subacuáticas. Poderá visitarse até o vindeiro 30 de xuño no pavillón da Xunqueira en horario: de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábado e domingos nos horarios de competición e exhibicións.
 
03-06-2022

O mércores 8 de xuño abre o prazo de reserva de prazas para as escolas deportivas da piscina, pavillóns, kárate e judo

Xa se pode solicitar cita previa para tramitar, a partir do vindeiro mércores no pavillón de San Valentín, a reserva de prazas para as escolas deportivas municipais do Concello de Fene. O prazo, para o alumnado matriculado no mes de xuño, prolongarase do 8 de xuño ao 6 de xullo, atendendo ao seguinte calendario: do 8 ao 21 de xuño realizarase a reserva para usuarios/as empadroados ou escolarizados en Fene; e, do 22 de xuño ao 6 de xullo, farase para o alumnado de fóra de Fene. Para solicitar cita previa, cómpre chamar ao teléfono 981 492 804 ou ao 607 626 812, de luns a venres de 9.00 a 14.00 h., ou ao teléfono 981 340936, en horario de 16.00 a 21.00 horas.
30-05-2022

Abre o prazo de preinscrición para o Campionato de Fotosub Concello de Fene

O domingo 26 de xuño terá lugar o Campionato de Fotosub “Concello de Fene”, organizado polo Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello de Fene e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS). A proba, puntuable no Circuito Galego de Fotosub, desenvolverase entre as 8:30 e as 15.00 horas nas inmediacións da Punta do Faro de San Cristobal, como lugar principal, ou na praia de Cariño, dentro da ría de Ferrol, como lugar de reserva.
23-05-2022

Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística

Ao redor dun milleiro de ximnastas participarán entre o sábado 28 e o domingo 29 de maio no Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame volve a Fene, onde xa se celebrara en 2018, e contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Escola Ximnasia Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maioría das participantes serán nenas aínda que tamén haberá competición na modalidade de ximnasia artística masculina.
09-05-2022

A XXVII Milla escolar reuniu en San Valentín a preto de 600 nenas e nenos

Logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia, a Concellería de Deportes de Fene retomou este domingo a súa “Milla Escolar” cunha das participacións máis elevadas das últimas edicións. Ao redor de 600 nenos e nenas de 3 a 16 anos tomaron parte nesta proba coa que se pretende fomentar a práctica do atletismo e os hábitos de vida saudables entre a mocidade. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Deportes, Ángeles Coira e varios membros da Corporación Municipal achegáronse a San Valentín e participaron na entrega de medallas (que recibiron todos os/as participantes) e de trofeos, aos tres primeiros/as clasificados/as das categorías cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín.
29-04-2022

O Concello de Fene organiza para o domingo 8 de maio a súa XXVII Milla Escolar

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a XXVII Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 8 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
21-04-2022

A Concellería de Deportes organiza as xornadas "Xogando co atletismo"

Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios O Ramo, Centieiras e Jorge Juan tomará parte a vindeira semana nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene. A actividade desenvolverase entre os días 25 (luns), 27 (mércores) e 28 (xoves) de abril nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre. No caso de choiva, trasladarase ao pavillón do colexio O Ramo. "Xogando co atletismo" é unha xornada deportiva na que se realizarán diversas probas nun circuíto continuo, de xeito que todo o alumnado participe simultaneamente nas diferentes actividades.