Novas

07-01-2020 -

Os máis pequenos de Fene estrean o primeiro parque inclusivo do municipio

O alcalde, Gumersindo Galego, informaba esta mañá da posta en servizo do primeiro parque infantil 100% inclusivo do municipio, accesible a nivel motriz, sensorial e mental. Unha zona de xogos cuxas obras o Concello recepcionaba a semana pasada. Sitúase en San Valentín, nas inmediacións do pavillón, e a intervención contou cun investimento duns 40.000 euros.
03-01-2020 -

Fene habilita un novo parque infantil xunto á casa consistorial

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego,informou do remate das obras de construción do parque da infancia. Unha nova zona de xogos infantís emprazada en pleno centro de Fene, nas inmediacións da casa consistorial. Un espazo que requeriu dun investimento de 39.000 euros máis IVE financiado con cargo ao superávit municipal que, segundo explicou o rexidor, o goberno local xa planteara en 2015, pero que non puido materializarse daquela pola negativa dos grupos da oposición.
A zona ocupa uns 228 metros cadrados, dos que 162 están adicados exclusivamente ao xogo infantil e os restantes, a zona verde. O parque está delimitado por un peche perimetral de madeira, conta con chan de caucho e dous xogos multifunción e un balancín. Os primeiros constan de dúas torres con tellado e unha ponte de unión, así como unha terceira torre, taboleiros para trepar, corda, ponte oscilante e un tobogán. A intervención completouse coa instalación dun panel informativo.
03-01-2020 -

Os Reis Magos visitarán Fene este domingo para atender as peticións dos máis pequenos da casa

Convidados polo Concello, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán Fene este domingo para facer un percorrido polas rúas do municipio e compartir a tarde cos máis pequenos da casa. Atenderán as súas peticións e, preto da noitiña, partirán para iniciar o reparto de agasallos polos fogares do municipio.

Así, a súa chegada a Fene está prevista para o domingo ás 17,30 horas. Irán a Perlío, fronte a Aguilar, para iniciar un itinerario xunto aos seus paxes pola Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida Naturais, rematando na praza do Concello, onde serán recibidos polo alcalde, Gumersindo Galego. Neste lugar, e baixo carpa, ocuparán os tronos que instalará o Concello e atenderán as peticións de nenos e nenas. Haberá festa infantil, con música, animación e moitos caramelos.
02-01-2020 -

A activista Amelia Tiganus ofrecerá en Fene a charla “Prostitución e pornografía: violencia sexual comercial”

A activista Amelia Tiganus visitará a próxima semana Fene para ofrecer unha charla baixo o título “Prostitución e pornografía: violencia sexual comercial”. Será o xoves 9 de xaneiro a partir das 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre ata completar aforo. Así mesmo, nesa xornada e máis o venres 10, acudirá aos centros de Secundaria e Bacharelato de Fene: CPI A Xunqueira, IES de Fene e Colexio Jorge Juan, para impartir charlas ao alumnado sobre pornografía e sexualidade, aspectos que hoxe en día contribúen ao repunte da violencia sexual contra as mulleres, sobre todo na poboación adolescente.
30-12-2019 -

Ana Basoa Rioboo inaugura en Fene a mostra “Poñendo luz á noite”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor inaugura exposición este venres 3 de xaneiro. A pintora fenesa Ana Basoa Rioboo presentará ao público “Poñendo luz á noite”, unha selección de retratos, bodegóns, flores, froitas… sempre dende o realismo. A pintora estará na sala este mesmo venres de 12 a 14 horas para amosar a exposición a todas as persoas que queiran visitala ese día e, o día 29, regresará ao centro cultural con motivo da clausura, ás 20 horas, para facer balance nun acto que contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-.
 
30-12-2019 -

Av@s e net@s participaron no obradoiro de fotografía co móbil e, moz@s, no de retrato

A fotógrafa Malena Carballo foi a encargada de guiar o pasado xoves o obradoiro de fotografía co móbil organizado polo Concello de Fene no marco da programación cultural de Nadal. Ía dirixido a un público moi especial, xa que @s participantes foron av@s e net@s, que compartiron xuntos tempo de lecer aprendendo uns dos outros. Nel, achegáronse ás normas básicas de composición e coñeceron trucos para facer mellores fotos co móbil.
27-12-2019 -

Concerto de Nadal de María do Ceo na Liga de Amigos de Barallobre

A cantante María do Ceo actúa este sábado, ás 20 horas, no local da ACRD Liga de Amigos de Barallobre. No concerto, dirixido a todos os públicos e con entrada libre, a artista portuguesa interpretará fados, panxoliñas e cancións do seu último disco "Cancións para nenas e nenos". Trátase dunha iniciativa da Rede de Dinamización Lingüística-Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do programa "Nadal en Rede". 
27-12-2019 -

O Gran Pedrini trae á Casa da Cultura o seu espectáculo “Coas mans na maxia”

O Concello de Fene porá este luns 30 de decembro o broche de ouro á programación cultural do ano 2019 con maxia. O Gran Pedrini ofrecerá no salón de actos da Casa da Cultura o seu espectáculo “Coas mans na maxia”, a partir das 12 horas e dirixido a un público familiar. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
27-12-2019 -

Máis de 500 persoas tomarán parte na Carreira e Andaina de San Silvestre de Fene

Un total de 529 persoas inscribíronse na Carreira e Andaina de San Silvestre que celebrará este sábado 28 de decembro o Concello de Fene. Será polas rúas do municipio, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo c caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo. Na carreira absoluta anotáronse 275 atletas, namentras que nas categorías menores están apuntados 151, e a andaina contará con 103 participantes.
26-12-2019 -

XIX Festival de Panxoliñas este domingo na Igrexa Grande de Maniños

A Igrexa Grande de Maniños acollerá este domingo 29 de decembro o XIX Festival de Panxoliñas. Unha cita prevista inicialmente para a pasada fin de semana, pero que foi aprazada por mor da alerta vermella. Así, retomarase este domingo a partir das 20 horas.