Novas

27-01-2020 -

Máis de 350 alumnos e alumnas de Educación Primaria de Fene, Mugardos e Neda participan no programa Cine e Saúde

Un total de 352 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 9 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda participan este mes no programa Cine e Saúde que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.

A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de Primaria, ao profesorado que imparte clases neste nivel como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.
27-01-2020 -

Concentración violencia machista

Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe luns 27 de xaneiro de 2020 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE MANUELA IGLESIAS FERNÁNDEZ de 79 anos Veciña de A Pastoriza (Lugo)

Manuela foi asasinada este sábado polo seu marido, HORTENSIO ÓNEGA MURADO, de 81 anos, en A Pastoriza pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas as mulleres polo mero feito de ser mulleres. Este asasinato constitúe o primeiro acto de violencia machista en Galicia no que vai de ano dun total de 6 no resto de España. (Fuente MSSSI, 23/01/2020).
24-01-2020 -

O Concello de Fene abre a inscrición no Festival de Comparsas de Entroido 2020

Fene acollerá o mércores 26 de febreiro o seu tradicional desfile e festival de comparsas de Entroido e, para fomentar a participación, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, sinala que o Concello destinará unha partida de 7.500 euros en concepto de axudas ás comparsas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata as 14 horas do 19 de febreiro e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera outro procedemento establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, presentando toda a documentación requerida nas bases do certame –publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
23-01-2020 -

62 equipos procedentes de toda España participarán en Fene na segunda fase da IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, albergará esta fin de semana a IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística. Tomarán parte un total de 62 equipos procedentes de toda España –de comunidades como Madrid, Cataluña, Euskadi, Valencia, Castela e León, Illas Baleares e Galicia-. No seu conxunto, reuniranse uns 500 deportistas.
A cita deportiva celebrarase sábado e domingo e as categorías nas que participarán os equipos son as seguintes: a división B, cun total de 17 equipos e con representación local a través do Club Ximnasia Ferrolterra, terá lugar o sábado de 9 a 14,10 horas. A entrega de trofeos está prevista ao remate. De tarde, entre as 16 e as 21,30 horas será a quenda da división kids, con 18 equipos e tamén representación do Club Ximnasia Ferrolterra.
22-01-2020 -

O Concello de Fene ofrece terapias de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e o presidente de Afal Ferrolterra, Francisco Pantín, animaban esta mañá ás familias coidadoras de persoas con alzheimer e outras demencias a solicitar a participación no programa de terapias que o Concello ofrece para as persoas afectadas. Un programa de obradoiros de estimulación cognitiva que busca retardar o avance da doenza e mellorar a calidade de vida.
 
20-01-2020 -

Peche das instalacións deportivas municipais descubertas e cancelación dos adestramentos ao aire libre

A Axencia estatal de meteoroloxía e  Meteogalicia informan para esta xornada dun fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos, que pode afectar a noso concello dende ás 10 h. do día de hoxe, luns 20 de xaneiro, até as primeiras horas do día 22 de xaneiro.

Perante esta situación, o Concello de Fene anuncia o peche das INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DESCUBERTAS MUNICIPAIS  DURANTE A TARDE DE HOXE DÍA 20, E A XORNADA DE MAÑÁ 21 DE XANEIRO polo que se deberán  cancelar os posibles adestramentos  previstos.
17-01-2020 -

O Concello inviste máis de 43.000 euros nas obras de mellora na unitaria de Sillobre

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, visitou esta semana a escola unitaria de Sillobre para supervisar o remate das obras de mellora realizadas no centro escolar. Intervencións que contaron cun orzamento superior aos 43.000 euros con cargo a fondos propios e que se executaron tanto no interior como no exterior do inmoble.

En concreto, o Concello procedeu ao acondicionamento do acceso, mediante a creación de itinerarios a base de formigón prensado delimitados por pedra blanca. Así mesmo, Gumersindo Galego explicou que tamén se actuou na zona exterior de xogos, onde se sitúan diferentes elementos e o areeiro. Alí, instalouse un novo chan de caucho.
16-01-2020 -

O Concello de Fene conclúe o aglomerado do Camiño de Ameneiro

O Concello de Fene vén de concluír as obras de aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre. Nesta liña, o alcalde, Gumersindo Galego, explicou que a Administración local investiu na intervención 40.472,36 euros con cargo ao Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
16-01-2020 -

Peche das instalacións deportivas municipais descubertas e cancelación dos adestramentos ao aire libre

O Concello de Fene anuncia para o xoves 16 de xaneiro o peche das instalacións deportivas descubertas municipais durante a tarde de hoxe por mor da alerta laranxa por "ventos en terra" que afecta ao termo municipal. A medida implica a cancelación dos posibles adestramentos previstos nestas instalacións namentres continúe activa a alerta meteorolóxica.
10-01-2020 -

O Concello conclúe a reforma integral do parque e pista deportiva de Fonte do Campo, que conta xa cunha gran tirolina para nen@s de 4 a 14 anos

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate das obras de remodelación do parque infantil e pista deportiva do entorno de Fonte do Campo. Unha ambiciosa intervención que supuxo a transformación da zona tras un investimento de 48.037 euros con cargo ao superávit municipal.

Nesta liña, Gumersindo Galego explicou que a zona conta agora cunha gran tirolina cun percorrido de 20 metros, pensada para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. Ademais, procedeuse á retirada dos elementos de xogo existentes e instaláronse novos elementos, así como un panel informativo de usos e teléfonos en caso de emerxencia. Ademais, construiuse un novo sendeiro de acceso de entrada á zona con pavimento de terrizo e delimitado por un bordillo de madeira.