Novas

12-12-2019 -

Aberta a inscrición na Carreira e Andaina de San Silvestre do Concello de Fene

A Concellería de Deportes de Fene organiza o sábado 28 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas de Fene, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para todas as categorías de menores e de 2 euros para a carreira absoluta. A inscrición xa está aberta na web www.carreirasgalegas.com e o prazo pecharase o 24 de decembro ás 23,59 horas -non se admitirán inscricións presenciais o mesmo día da proba-.
12-12-2019 -

O Concello abre a inscrición no contacontos musical Musicreques

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a apertura do prazo de inscrición no contacontos musical Musicreques. Dirixido a un público infantil de entre 3 e 11 anos, celebrarase na Biblioteca Pública Municipal Xosemaría Pérez Parallé ás 18 horas. A participación é gratuíta, previa inscrición presencial ou no tlf 981 34 23 02, do xoves 12 ao martes 17 de decembro, de 16 a 20,30 horas e o sábado 14 de decembro de 10 a 13 horas. O aforo está limitado a 25 participantes.
11-12-2019 -

O Concello habilitará unha pista de xeo e programa o Campanadal para peques, patinaxe e xogos acuáticos en familia

De cara o Nadal, o Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, anunciou esta mañá a apertura dunha pista de xeo natural e baixo carpa para delicia de nenos e maiores. Así mesmo, no día de hoxe, 11 de decembro, vén de abrir o prazo de inscrición no “Campanadal para peques”; nas “Clases de patinaxe para nenos/as e persoas adultas” e nun cursiño de iniciación á defensa persoal feminina. A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira ata o día 19 en horario de luns a venres de 9 a 13,30 horas e oS mércores 11 e 18, de 16,30 a 19 h.
11-12-2019 -

Visita guiada este xoves por Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira á exposición “Sinerxia 1+1=3”

A Casa da Cultura de Fene acolle ata o vindeiro 27 de decembro a exposición “Sinerxia 1+1=3”, integrada por unha selección das obras de pintura, fotografía e escultura de Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira. E, este xoves, os artistas propoñen ao público participar dunha visita guiada a partir das 19 horas. A ela, asistirá un grupo de alumnos/as do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, aínda que poderá participar todo aquel que o desexe.
11-12-2019 -

O Concello convida a nenas e nenos a participar como paxes reais na Cabalgata

Fene recibirá ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o vindeiro 5 de xaneiro e, coa vista posta nesta data, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida ás nenas e nenos a tomar parte na Cabalgata como paxes reais. Para iso, é preciso anotarse no Rexistro Xeral, entregando a ficha de inscrición –disponible aquí-. É requisito ter entre 6 e 12 anos cumpridos e o aforo está limitado, cubríndose por orde de solicitude. O prazo pecharase o 27 de decembro.
 
10-12-2019 -

O Concello recaba as propostas da Confraría de Barallobre para o proxecto Fene Mar Vivo II

Tras a presentación pública do proxecto Fene Mar Vivo II, o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, trasladouse ao pósito local para manter unha xuntanza co presidente da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López Pena. Nela, tamén participou a empresa que xestiona o proxecto na anualidade do 2019, abordaron o programa, o contido da subvención e as posibilidades que se abren para o pósito co ánimo de recabar as súas propostas. Unha implicación que Franco considerou fundamental para o éxito do proxecto.
10-12-2019 -

O Concello de Fene presenta a súa programación cultural de Nadal, repleta de citas musicais, contacontos e obradoiros

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, presentaba esta mañá a ampla programación cultural de Nadal deseñada polo Concello de Fene. Unha programación que incluirá citas musicais, teatro, contacontos, exposicións, obradoiros e, como non, a visita do Apalpador e a tradicional Cabalgata de Reis. Precisamente, Rocío Bértoa avanzou que o Apalpador inaugurará o calendario cultural de Nadal o vindeiro luns, 16 de decembro, coa súa visita aos nenos e nenas de Educación Infantil e primeiro curso de Educación Primaria dos centros educativos de Fene. Nesa xornada acudirá ao CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe Centieiras e CPR Jorge Juan. Así mesmo, ao día seguinte, martes 17 de decembro, visitará o CEIP Sillobre, CEIP Plurilingüe Os Casais e CEIP Plurilingüe O Ramo.
10-12-2019 -

O Concello conclúe as obras de mellora da rede de saneamento na rúa paralela a San Estevo tras un investimento de 48.000 euros

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate das obras de mellora da rede de saneamento na rúa paralela a San Estevo, en Perlío, tras un investimento de 47.809,47 euros con cargo ao superávit municipal.

O obxectivo da actuación era poñer fin aos verquidos de augas fecais ao río Cádavo detectados por Augas de Galicia. Unha situación que levou ao Concello a analizar o estado da rede xunto a Viaqua, empresa concesionaria dos servizos de subministro de auga potable e saneamento de augas residuais. Nesas inspeccións, constatouse o mal estado xeral do colector de evacuación de augas residuais, así como a existencia de varios aliviadoiros da rede de moi reducida cota de saída con vertedura directa ao río.
09-12-2019 -

Proceso de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías de formación

O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Fene informa sobre as novas convocatorias abertas no proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través de experiencia laboral (DOG 27/11/2019).

A Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria abriu a convocatoria de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través de experiencia laboral ou formación non formal, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
09-12-2019 -

O Concello inicia a reforma integral do parque infantil de Fonte do Campo coa instalación dunha gran tirolina para nen@s de 4 a 14 anos

O parque infantil do entorno de Fonte do Campo sufrirá nas próximas semanas unha transformación radical. Así o contempla o proxecto elaborado polo Concello de Fene, adxudicado nas últimas semanas por importe de 48.037 euros con cargo ao superávit. Segundo avanzaba esta mañá o alcalde, Gumersindo Galego, os traballos iniciáronse a pasada semana e afectarán tamén á pista deportiva anexa, onde se levarán a cabo substanciais melloras.