Novas

05-12-2019 -

A Asociación O Cruceiro fai entrega dos vales por valor de 900 euros aos agraciados no sorteo do Concurso de Tapas

O alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, e o presidente da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos “O Cruceiro” de Fene, Juan Ramos Reigosa, fixeron entrega esta mañá dos vales de compra que se sortearon no marco do XII Concurso de Tapas aos afortunados. Un acto que se celebraba no salón de plenos da casa consistorial e uns vales que cedía a entidade “O Cruceiro” por valor conxunto de 900 euros. Sen dúbida, un gran reclamo para participar no certame. Así, Sunny Caldevila, veciña de Fene, recibía vales para mercar no comercio local por valor de 100 euros; Elisa Miraz Loureiro, de Ferrol, resultaba agraciada con vales por valor de 200 euros e, José Cernerero, tamén de Fene, facíase cos vales por valor de 600 euros.
05-12-2019 -

Fene convida á veciñanza a conmemorar o aniversario da Constitución española

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presidirá este venres, 6 de decembro, o acto institucional de conmemoración do aniversario da Constitución española no municipio. Un acto que terá lugar a partires das 12 horas no salón de plenos da casa consistorial. Nesta liña, o Concello quere convidar a veciños e veciñas a sumarse á celebración do aniversario da Carta Magna acompañando á corporación no acto.
04-12-2019 -

Fene activa este xoves a iluminación de Nadal

O Concello de Fene activará, a partir de mañá xoves, a iluminación de Nadal. Alumeado co que se quere contribuír a xerar ese ambiente de luz e cor que acompañan nestas datas, impulsando o seu disfrute a pé de rúa e colaborando coas campañas de comercio e hostalería locais propias nesta época. O alumeado concrétase en 72 arcadas repartidas por todo o termo municipal. A elas se suma a iluminación en árbores emprazados no barrio de San Valentín e máis na praza Verde e, como é tradición, a fachada da casa consistorial. Todo isto, con tecnoloxía LED.
04-12-2019 -

Pachamamá e Lembranza, gañadores do XII Concurso de Tapas de Fene

Por votación popular, a clientela do XII Concurso de Tapas de Fene elixiu o “Salpicón de rape con emulsión de cítricos” de Pachamamá coa a mellor proposta na categoría de tapa tradicional e a “Fajita Don Quijote” do Lembranza como a máis saborosa tapa creativa. Eleccións que coincidiron coas do xurado profesional, que otorgou tamén as súas máximas puntuacións a estas propostas
03-12-2019 -

Aspaneps inaugura no Concello de Fene a súa mostra “Pintamo-lo mundo”

O salón de plenos da casa consistorial de Fene acolleu esta mañá o acto de inauguración da exposición “Pintamo-lo mundo” que impulsa Aspaneps. Un acto que coincidía co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e que presidiu o alcalde, Gumersindo Galego. Xunto a el, Ramiro, un dos usuarios do centro ocupacional de Aspaneps en Fene, e encargado hoxe de presentar a exposición. Agradeceu neste sentido a colaboración do fotoxornalista Gabriel Tizón, xa que foi nun obradoiro impartido por el no que naceu a idea desta mostra. Ramiro aludiu á efeméride para lembrar que se institucionalizou no ano 1992, o mesmo no que abría as súas portas o centro ocupacional de Fene. Asegurou que, a pesares dos anos transcorridos, á andaina pola inclusión aínda lle quedan moitos pasos por dar. Só así, engadiu, lograremos unha sociedade xusta e diversa, que é o que pretende reflectir a súa mostra. Por último, confiou en que esta sexa do agrado do público.
03-12-2019 -

O Concello inicia as obras para dotar a Fene do primeiro parque 100% inclusivo

Antes de rematar o ano, o Concello de Fene contará co seu primeiro parque infantil 100% inclusivo, accesible a nivel motriz, sensorial e mental. O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, avanzou esta mañá o inicio da intervención, en San Valentín, nas inmediacións do pavillón, cun investimento que ronda os 40.000 euros.
03-12-2019 -

Adiantar o Nadal no comercio e hostalería de Fene ten premio

Baixo o lema “Adianta o teu Nadal!”, a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro de Fene pon en marcha unha campaña especial de promoción dos establecementos locais a través da cal as compras poden ter substanciais premios. E é que a clientela recibirá rifas para participar no sorteo de vales de compra por valor de 2.000 euros –repartidos nun primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 500, un terceiro de 250 e outros dous de 125-.
 
02-12-2019 -

Últimos días para anotarse no obradoiro “A saúde, unha cuestión de xénero”

A Concellería de Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, mantén aberto o prazo de inscrición no obradoiro gratuíto “A saúde: unha cuestión de xénero”. Pode formalizarse nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06, no email smam@fene.gal ou presencialmente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. Do Mar Bloque 1, baixo San Valentín). Consta de dúas sesións de cinco horas, e celebrarase a vindeira semana: os días 9 e 11 de decembro, de 16,30 a 19 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.
02-12-2019 -

Inauguración da exposición "Pintamo-lo mundo" este martes no salón de plenos da casa consistorial de Fene

O alcalde, Gumersindo Galego, presidirá este martes 3 de decembro o acto de inauguración da exposición “Pintamo-lo mundo”, que impulsa Aspaneps con imaxes de Gabriel Tizón. Un acto que coincidirá co Día Internacional das Persoas en Situación de Discapacidade, e terá lugar ás 12 horas no salón de plenos da casa consistorial. A partir de entón, poderá visitarse de luns a venres de 10 a 14,30 horas, ata o 7 de xaneiro
29-11-2019 -

Aberto o prazo para participar no Programa Integrado de Emprego de Galicia dirixido a mulleres de oito concellos da Mancomunidade

A Xunta de Galicia concedeu á Mancomunidade de Concellos de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, dirixido aos concellos de Fene, Ares, Cabanas, Cedeira, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. A administración autonómica e o Servizo Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria, subvencionada con 207.000 euros, dos 230.000 euros do custe total do proxecto. En total ofertaránse 100 prazas para os oito concellos, das que 15 corresponden a Fene, todas elas dirixidas a mulleres.