O Festival Internacional de Entes Animados trasládase este venres ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre

O Festival Internacional de Entes Animados trasládase este venres ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre

A compañía brasileña Habid e Valeria protagonizará este venres en Limodre a segunda función do Festival Internacional de Entes Animados no Concello de Fene. Representará ás 20.00 horas no local da AVV Santa Eulalia a función de teatro de sombras con música O burro errante. Trátase dunha adaptación teatral do conto homónimo do escritor Habib Zahra, concebida e producida pola artista visual Valeria Rey, responsable tamén das ilustracións da obra orixinal.

O espectáculo nace dun proxecto familiar, reunindo Valeria aos seus fillos, Miguel Ibrahim e Dunya Clementina. Tamén contou coa colaboración de Jorge Rey, fundador da compañía española Títeres Cachirulo e responsable da dirección de montaxe, e de Rafael Rey, director da compañía española Nauta Teatro, pai e irmán de Valeria Rey, respectivamente.

Nesta función nárrase a xornada dun pequeño burro criado por pais superprotectores que finxían ser cabalos e evitaban calquera contacto con animais doutras especies. Medrando nun ambiente marcado polo medo, o burriño pensa que o mundo se reduce a esa pequena realidade que coñece.

Sete compañías procedentes de Reino Unido, Dinamarca, Portugal, Brasil, Arxentina e Galicia participan até o vindeiro 27 de setembro no VIII Festival Internacional Entes Animados que organizan os concellos de Fene, Ares, Ferrol, Miño, Narón, Neda e Valdoviño, xunto coas asociacións Canido AC (Ferrol) e AC Apelón Educación (Mugardos), baixo a coordinación da Asociación Cultural Titerario.