O domingo 6 de setembro Fene celebrará a XXXII edición do Día do Deporte na Rúa

O domingo 6 de setembro Fene celebrará a XXXII edición do Día do Deporte na Rúa

O evento, celebrarase o domingo, 6 de setembro, despois do seu aprazamento no mes de xullo por vaga de calor e desenvolverase na contorna da Avenida do Tarrío, a rúa San Salvador e o CCRD de Perlío en horario de mañá.

A xornada incluirá máis de vinte disciplinas deportivas, ademais de xogos inchables, obradoiros informativos e circuítos participativos de carácter gratuíto e abertos a toda a cidadanía.

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, confirma a nova data para a celebración da 32 edición do Día do Deporte na Rúa, que finalmente terá lugar o vindeiro domingo 6 de setembro.

Esta cita, encadrada no programa municipal de promoción da actividade física e do ocio saudable en familia, conta con nova data no calendario trala súa suspensión no mes de xullo polas condicións climatolóxicas adversas de vaga de calor.

A xornada desenvolverase entre as 10:30 e as 14:00 horas na Avenida do Tarrío, na rúa San Salvador e nas instalacións e contorna do CCRD de Perlío, espazos que se pecharán ao tráfico para seren transformados nun gran circuíto deportivo ao aire libre.

Ampla oferta de disciplinas e actividades inclusivas

O programa inclúe unha ampla variedade de propostas adaptadas a tódalas idades e niveis de condición física. Entre as disciplinas que se poderán practicar atópanse modalidades de equipo e raqueta (fútbol, baloncesto 3x3, baloncesto en cadeira de rodas, hockei, indiaka, bádminton, volei con pelota xigante, tenis e chave), artes marciais e deportes de contacto (judo, taekwondo, karate, esgrima e defensa persoal), así como actividades de precisión e habilidade (orientación, remo con pantalla, slackline, boccia e xadrez xigante).

O evento contará tamén cunha zona lúdica dotada con circuíto de karts, espazo xigante de xogos tradicionais, obradoiros de circo (malabares e equilibrismo), elaboración de chapas e diversos elementos inchables (futbolín humano, tobogán e circuíto de saltos con obstáculos).

Así mesmo, co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables de forma integral, desprazaranse obradoiros específicos de nutrición e valoración funcional a cargo de persoal especializado.

Participación e colaboración institucional

A participación en todas as estacións deportivas e obradoiros será totalmente gratuíta e non requirirá inscrición previa. Como estímulo á participación, aquelas persoas que completen un mínimo de cinco actividades no seu tarxetón de seguimento recibirán unha camiseta conmemorativa do evento (ata esgotar existencias).

Dende a Concellería de Deportes destácase a colaboración e o traballo conxunto do tecido asociativo e entidades locais (Colexio Jorge Juan Perlío, CCRD Perlío, Escudería Scratch Fene, Club Kang, Club Artes Marciais Fene, Escola de Judo Fene), cuxo apoio axuda a garantir desenvolvemento operativo desta xornada.