O Concello de Fene leva ao festival Felicia un concerto de The Homens
29-07-2026
O grupo compostelán The Homens amenizará este sábado, 1 de agosto, a sesión vermú do Felicia Pop Festival no Parque da Hortiña de Limodre, a partir das 12.30 horas. A actuación está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración do programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia. Entrada libre e de balde.
Dez anos despois do seu último concerto e dezaseis trala publicación do último disco, volven The Homens! Nesta nova etapa, o trío referente do power pop en galego combinará en directo as cancións das súas catro referencias discográficas - #1, #2, Tres e Cuarta potencia - con temas novos nos que a banda recupera a urxencia guitarreira das orixes. Enerxía e melodía, rabia e luminosidade! Un concerto único neste ano do regreso aos escenarios.
Mantendo a formación orixinal, con Xocas (batería), Le Roi (baixo) e Martin Wu (guitarra e voz), a banda recupera a fórmula que os fixo ser, no primeiro decenio do século, un dos grupos con máis quilómetros do panorama galego. Enerxía e melodía, rabia e luminosidade: o trío do Castiñeiriño volve montar na furgoneta para repasar os seus EPS e os discos Tres (2007) e Cuarta potencia (2009) e presentar novas cancións que, quizá, acaben por formar parte dunha quinta edición discográfica.
