Danza, música e humor na semana central do ciclo Xullo, Mes da Patria que concluirá cun acto institucional no Monumento 25 de xullo e concertos
05-07-2026
O luns 6 de xullo ás 20.30h, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o espectáculo de danza contemporánea Un Baile Ceibe en Comunidade, da compañía de Fran Sieira, unha proposta que revisita o folclore galego desde unha linguaxe escénica actual. A continuación terá lugar o concerto do grupo Encrucillada, que celebrará o seu décimo aniversario cun repertorio centrado na música para baile e foliada.
Un Baile Ceibe é unha peza coreográfica de 25 minutos de duración cun elenco de 4 bailadoras e bailadores dirixida polo propio Fran Sieira, con música de MounQup (Camille Hedouin) e vestiario de Érica Oubiña. Trátase dunha adaptación coreográfica do espectáculo Ceibe en diurno, na que se plasma a esencia das corografías grupais máis representativas da obra.
O martes 7 de xullo ás 20.30h celebrarase unha nova edición do tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, coa participación da Rondalla Estrelecer, da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, de Tradicoro e da Coral Polifónica O Pote de Maniños.
O mércores 8 de xullo, a programación continuará coa actuación do humorista David Amor, que presentará o espectáculo “O Amor está no aire” a partir das 21.30 horas na Praza do Alcalde Ramón José Souto González.
Love está no aire é o último espectáculo do humorista e actor David Amor. Nel, o pontevedrés fala das súas novas inquedanzas sen pasar por alto unha das súas paixóns: os aeroportos. David pensaba que non podía escribir un novo guión para un monólogo se pasaba todo o día vendo a televisión... Ou si? Porque, de súpeto, deuse conta de que hai programas de televisión que merecen ser contados.
O acto central do ciclo Xullo, mes da Patria terá lugar o xoves 9 de xullo. Ás 20.00 horas celebrarase no Parque Lineal do Río Cádavo, diante do Monumento ao 25 de Xullo, a lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria, que correrá a cargo de Paco Oti, humorista gráfico, investigador teatral, dramaturgo e membro fundador do grupo de teatro do CCRD Perlío.
A partir das 21.30 horas, a música tomará o protagonismo na praza do alcalde Ramón José Souto González coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, unha das formacións máis representativas da música galega contemporánea. E, a continuación, actuará Loita Amada, que presentará o seu último traballo discográfico, caracterizado pola combinación de diferentes estilos musicais e unha marcada mensaxe social.
