Aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro de Alimentación Saudable que se celebrará o 21 de maio

A actividade encádrase no ciclo Máis movemento, máis vida!

Aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro de Alimentación Saudable que se celebrará o 21 de maio

A Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita, impartida pola Escola Galega de Saúde, será o xoves 21 de maio, de 17.00 a 20.00, no salón de actos da Casa da Cultura. Nesta ocasión prográmase un Obradoiro de alimentación saudable, centrándose o encontro en: adquirir coñecementos sobre alimentación que se poidan implementar na vida diaria e coñecer os beneficios dunha boa alimentación. No decurso da charla falarase sobre tipos de alimentos (pirámide alimentaria) e papel dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento, na saúde e na prevención da enfermidade; recomendacións para unha alimentación saudable e etiquetado de nutrición.

O número de prazas é limitado (25) e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene (Tfno. 981 340 366) ou da sección de formación do Sergas.

Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps sumouse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas como unha andaina inclusiva, reparto de trípticos informativos, unha exposición itinerante e xornadas informativas impartidas polo Servizo Galego de Saúde.