Os Concellos de Fene, Mugardos e Neda promoven un proxecto de Prevención e resolución de conflitos na aula desde a educación emocional

Os Concellos de Fene, Mugardos e Neda promoven un proxecto de Prevención e resolución de conflitos na aula desde a educación emocional

Sensibilizar ao alumnado e ás familias na prevención e resolución de conflitos tomando como base a educación emocional; desenvolver habilidades sociais e emocionais para identificar e previr o acoso escolar; axudar a resolver conflitos de forma saudable e respectuosa, a partir da educación emocional, a disciplina positiva e a comunicación non violenta; dar a coñocer e poñer en práctica estratexias e ferramentas para a identificación e resolución de conflitos; e proporcionar ferramentas que melloren a comunicación e aprender a comunicarse de forma asertiva. Son os principais obxectivos do programa de Prevención e resolución de conflitos na aula desde a educación emocional que promoven os Concellos de Fene, Mugardos e Neda, subvencionado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. 

A actividade vai dirixida ao alumnado de Primaria e artellarase mediante sesións prácticas, asi como reflexións grupais sobre situacións emocionais comúns, discusión de casos prácticos, xogos de roles para prácticar a empatía e técnicas de comunicación efectiva.

Segundo informan desde a Concellería de Servizos Sociais, ao longo do mes de xaneiro realizouse a presentación do programa nos centros escolares e recolleronse solicitudes para elaborar o cronograma. E o pasado venres iniciáronse os obradoiros nos centros escolares de Fene e dos outros dous concellos, programándose tres sesións por grupo-aula. O programa concluirá o 24/4/25.

Máis información: no centro municipal de Servizos Sociais do Concello de Fene ou a través da caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal