Presentación de Cinza na Casa da Cultura de Fene

Presentación de Cinza na Casa da Cultura de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, volven a Fene este venres para presentar na Casa da Cultura Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza. O acto, organizado pola Concellería de Cultura, comezará o venres ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.

Cinza é a adaptación de Manel Cráneo da novela A nosa cinza, de Xavier Alcalá, obra que leva máis de 80.000 exemplares vendidos. Conta a vida de Xoán, un rapaz criado durante a dictadura franquista, orfo de nai, fillo de médico, de familia galeguista. Durante dez cursos escolares na cidade, con vacacións na aldea, que se vai convertendo nun lugar de moda para o veraneo, vemos a Xoán medrar no duro contexto do seu tempo. Os anos de escola e instituto marcan a transición do neno inocente ao mozo que se ha de enfrontar aos designios da vida para cortar o cordón umbilical coa súa familia.

Cinza é unha obra universal e intemporal chea de referencias polos temas que a vertebran: a morte, o sexo, a amizade, os excesos da relixión e a dureza dun réxime totalitario. A morte asalta o protagonista desde cativo; o sexo xórdelle como premio inalcanzable; a amizade corre parella a unha violencia que ensombrece a vida do neno e do adolescente; o fundamentalismo relixioso acosa, abafa os sentimentos; imponse a Formación do Espiríto Nacional Católico empeñado en agochar o galeguismo.